Iolanda Veloso denuncia que hai 400 crianzas na lista de agarda das bolsas de comedor e libros

Iolanda Veloso denuncia que hai 400 crianzas na lista de agarda das bolsas de comedor e libros

O BNG propón ao goberno que faga unha modificación de crédito para non deixar a ningún neno e ningunha nena sen axudas

 

rolda Iolanda servizos sociais Vigo, 24 de setembro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, denunciou o colapso nos servizos sociais municipais ao haber máis de 400 nenos e nenas na lista de agarda das bolsas de comedor e libros, segundo se desprende do expediente levado á xunta de goberno local do pasado 19 de setembro fóra da orde do día. Ademais acusou ao goberno local de manter un “escurantismo total” na tramitación destas axudas ao negar o alcalde a existencia da lista de agarda.

Iolanda Veloso subliñou que o BNG sempre defendeu o incremento das axudas para libros e comedores escolares, co obxectivo de responder ás necesidades da cidadanía, e de que esas axudas estivesen resoltas antes do inicio do curso. “Pero un ano máis atopamos que o goberno local non é quen de resolver as axudas a tempo”, criticou, sinalando que desta forma hai pais e nais que coas clases xa comezadas non saben se poderán enviar aos seus fillos e fillas aos comedores escolares.

“O alcalde non é capaz de xestionar as axudas escolares de forma que os nenos e nenas que as solicitan saiban no inicio de curso se teñen as bolsas”, denunciou a voceira municipal do BNG. “Que as clases comezaban o 10 de setembro é algo sabido desde hai meses”, comentou ironicamente.

Escurantismo na tramitación

Segundo denunciou, e tal e como recolle o expediente levado á xunta de goberno,“é absolutamente falso o que di o alcalde, porque hai 405 nenos e nenas en lista de espera para libros e 416 para comedor”, polo acusou de “total escurantismo” na tramitación das axudas. “A realidade non se corresponde co que di o alcalde”, defendeu.

“A nós gustaríanos que fose certo o que di o alcalde, e propoñémoslle que faga unha modificación de crédito, que nós a apoiaríamos. Pero que non siga dicindo que non hai nenos e nenas sen bolsa de comedor”, manifestou.

Falta de recursos

Segundo explicou Iolanda Veloso, o informe do interventor sinala o 12 de agosto como data de remate do prazo para a resolución das axudas, “pero non se resolveron até o 19 de setembro”, apuntou ao tempo que salientou que existe un claro “problema de recursos por falta de vontade política”.

Neste sentido, lembrou que o BNG leva meses denunciando a falta de persoal en servizos sociais, mesmo reclamando un pleno extraordinario no que trate a contratación de máis traballadoras sociais. “Sabemos que hai un grave problema de recurso e que hai un forte esforzo por parte do persoal para atender as necesidades da cidadanía”, subliñou.

Finalmente, Iolanda Veloso expresou a preocupación do Bloque por que na web do Concello se publique o listado cos datos completos dos nenos e nenas así como dos seus proxenitores. “Non podemos valorar se neste caso se cumpre a lei de protección de datos, pero preocúpanos que se publiquen desta forma os datos completos”, manifestou.

 

Iolanda Veloso denuncia que hai 400 crianzas na lista de agarda das bolsas de comedor e libros