Pluralidade e eixo de actuación centrado no país marcan a asemblea aberta do BNG vigués

Pluralidade e eixo de actuación centrado no país marcan a asemblea aberta do BNG vigués

Máis de 150 persoas se reuniron no encontro, que se prolongou máis de dúas horas, con intervencións de militantes e simpatizantes

 

asemblea aberta Vigo 2

Vigo, 24 de setembro de 2014.- Nun encontro que superou as dúas horas, máis de 150 militantes e simpatizantes participaron na asemblea aberta celebrada en Vigo no marco do proceso Construíndo futuro. Se ben as diferentes opinións se sucederon nas máis de trinta intervencións protagonizadas por militantes e simpatizantes, a necesidade de manter o polo de actuación no país, en Galiza, foi un dos eixos centrais.

“Creo que sodes a esperanza de seguir facendo país na Galiza”, subliñou Luísa Ocampo, do movemento feminista vigués e simpatizante do Bloque. Neste mesmo sentido se manifestaron varios traballadores do naval. “O Bloque é a mellor forza que temos no país e a mellor ferramenta para solucionar os problemas de Galiza”, subliñaron, ao tempo que argumentaron que a falta de conciencia nacionalista dificulta establecer contactos con Podemos ou as diferentes mareas.

Por outro lado, os traballadores do naval tamén puxeron de releve a complicada situación económica de Vigo en particular e de Galiza en xeral, ao sinalar a súa prolongada situación de desemprego. Precisamente a falta de capacidade de decisión foi apuntada como a causa fundamental desta dramática situación, tal e como recolleu na súa intervención final o responsable local, Henrique Viéitez.

“Temos claro que para transformar a sociedade temos que ter capacidade de decidir, de lexislar a favor das maiorías sociais”, dixo. Ao respecto puxo en valor o traballo desenvolvido polo BNG no goberno bipartito da Xunta, en tanto que o Bloque esforzouse por construír o terceiro piar do estado de benestar, os servizos sociais, que o goberno de Feijóo esfórzase en destruír.

asemblea aberta Vigo 1

Traballo institucional e traballo na rúa

Malia que houbo voces críticas co traballo institucional desenvolvido polo Bloque, tamén houbo intervencións que defenderon a necesidade de compaxinar o traballo institucional e o traballo na rúa. “Tamén se pode transformar a sociedade escribindo no DOG”, manifestou neste sentido Manuel Moreira, médico e militante do BNG, ao igual que fixo a eurodeputada Ana Miranda.

Neste traballo do Bloque destacouse a necesidade de que o BNG estreite as súas relacións coa clase traballadora e cos movementos sociais, sen perder de vista a unidade do nacionalismo e a Galiza como eixo de actuación. Asemade, tamén se indicou que “é necesario escoitar para saber que pensa á xente”, segundo apuntou a militante Carme Corbalán.

Precisamente a reivindicación de que a mocidade sexa escoitada e tida en conta centrou diversas intervencións tras unha opinión crítica coa súa actitude. “A xuventude non está perdida, senón que necesitamos que crean en nós”, defenderon.

Outro simpatizante subliñou que “necesitamos esperanza e cremos que se pode crear a expectativa para que os traballadores teñan a ilusión de que algo cambie”, e advertiu o duro que sería que os cambios no BNG fosen unicamente electoralistas. “Teño a ilusión e a esperanza de que o cambio do BNG sexa un cambio real”, concluíu.

 

Pluralidade e eixo de actuación centrado no país marcan a asemblea aberta do BNG vigués