O BNG inicia unha campaña de denuncia da simboloxía fascista na comarca de Vigo
O Bloque solicita a colaboración cidadá para localizar e reclamar a retirada dos restos aínda existentes
Vigo, 23 de setembro de 2014.- O Bloque da comarca de Vigo inicia unha campaña que, baixo o lema Fascismo Nunca Máis, anima ao conxunto da cidadanía a colaborar na localización de simboloxía fascista aínda existente nos concellos desta comarca. Para o BNG, a existencia de simboloxía fascista é un insulto á memoria dos galegos e galegas que sufriron o franquismo e lembra que a Lei de Memoria Histórica obriga a súa retirada.
As persoas que queiran colaborar nesta campaña poden facelo enviando as súas fotos ao enderezo electrónico [email protected], antes do 30 de outubro, indicando a súa localización exacta e as datas de obtención das imaxes. Rematado o prazo de envío, faranse públicas e o BNG procederá a esixir a súa súa retirada.
O BNG critica que case corenta anos despois de rematada a ditadura, e logo de sete anos da entrada en vigor da Lei da Memoria Histórica, aínda hai que aturar nos espazos públicos dos concellos da nosa comarca o mantemento de símbolos franquistas, como nomes de rúas, placas, monumentos conmemorativos e símbolos falanxistas en edificios.
Desinterese do PP e colaboración do PSOE
Para o Bloque, a persistencia desta simboloxía débese ao desinterese do Partido Popular á hora de dar cumprimento da lei, tal e como acontece coa placa falanxista existente no Templo Votivo de Panxón, ou a cruz aos Caidos do Castro en Vigo. Neste sentido, o BNG denuncia que o PP conta coa colaboración do goberno do PSOE, presidido por Abel Caballero.
A respecto destes dous monumentos o BNG insiste, a través da súa representación nos concellos de Nigrán e Vigo, en demandar a súa retirada, subliña o Bloque comarcal, para quen a existencia de simboloxía fascista supón unha ofensa e provoca un sufrimento innecesario ás familias das persoas asasinadas, perseguidas e represaliadas durante a guerra e a ditadura franquista.
Segundo o BNG, a permanencia desta simboloxía constitúe un agravio para todas aquelas persoas que non secundaron a cruel ideoloxía da ditadura. Ademais, supón un insulto á memoria da xeración de galegas e galegos que sufriron o franquismo por defenderen a liberdade e os dereitos democráticos e nacionais do pobo galego, á memoria daqueles aos que lles arrebataron a vida, torturaron, privaron de liberdade ou sufriron o exilio, para as cales desde o BNG esiximos a súa plena rehabilitación.
Posto que a Lei da Memoria Histórica obriga a retirar dos espazos públicos todo símbolo ou mención conmemorativa de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura, para o BNG cómpre levar a cabo as accións precisas para demandar a súa retirada.