O BNG ocupa a sede do banco Ceiss en protesta polo peche das súas oficinas en Galiza
A concentración enmárcase na campaña que desenvolve o Bloque Non é unha crise é un roubo
Co obxectivo de protestar contra o desmantelamento do sistema financeiro galego, o BNG de Vigo protestou nas instalacións do banco Ceiss Caja España de Inversiones, Salamanca y Soria). No acto, a portavoz municipal do BNG denunciou que o ERE de extinción presentado por esta entidade conleva a desaparición das súas oficinas no territorio galego, así como a perda de aproximadamente 140 postos de traballo directos.
Ademais de haber moitos cidadáns e cidadás afectados pola estafa das preferentes, están en perigo os postos de traballo, subliñou Iolanda Veloso tras a concentración no interior da entidade, na que ademais da portavoz municipal participaron os concelleiros Santi Domínguez e Xabier Alonso; o responsable comarcal do BNG, Manuel Caride, e diversos militantes e simpatizantes do Bloque.
A portavoz municipal nacionalista criticou asemade a desaparición de servizos á cidadanía sostidos con cartos públicos. Neste sentido, denunciou que o peche das oficinas do Ceiss terá importantes consecuencias para perto de 10.000 asalariados e pensionistas, así como dificultades para garantir o financiamento dunhas 7.000 pequenas e medianas empresas, clientes desta entidade.
Pola súa banda, o responsable comarcal do Bloque apuntou que a razón que fundamenta o ERE, baseada na decisión de concentrar toda a súa actividade na zona da súa suposta implantación histórica, representa unha clara discriminación co resto territorios onde está implantada.
No caso concreto de Galiza a entidade opera desde hai 30 anos, conta cunha rede de oficinas en condicións de poder prestar servizos ao 50% da poboación e atende directamente a máis de 45.000 clientes galegos.
Oficinas rendibles
Dase a ciscunstancia, ademais, de que a maioría das oficinas da rede galega son rendibles, pero se pechan; e pola contra, se manteñen as deficitarias de Castela-León e de Madrid: onde fican os criterios de eficiencia e racionalidade dos que se enchen a boca os tecnócratas de Bruxelas e a dereita española?, cuestionou Manuel Caride.
Diante desta situación o BNG presentou no Parlamento galego unha iniciativa que insta á Xunta de Galiza a realizar xestións ante o Banco CEISS e o Goberno do Estado para que no se leve adiante este ERE de extinción. A proposta nacionalista tamén reclama que se leve a cabo un proceso de reestruturación ordeado que evite a perda dos postos de taballo e a posíbel exclusión no acceso a servizos fiancieros dos 45.000 clientes que esta entidade ten en Galiza.
Protestas simultáneas
O acto celebrado hoxe, que se celebrou de forma simultánea en diversas localidades do país, enmárcase na campaña que desenvolve o BNG baixo o lema Non é unha crise, é un roubo. Deste xeito quérese denunciar o roubo ao que está sometida a cidadanía, vítima dunha crise que non causou.
Esta campaña tamén busca sinalar directamente aos responsábeis do roubo: a banca especulativa, máis tamén a quen ampara ese roubo: o Partido Popular, dende o Goberno español e dende a Xunta de Galiza.
Para o BNG, a estafa das preferentes, os recortes en gasto social e servizos públicos, a reforma laboral que favorece o despido inxustificado, o desmantelamento dos nosos sectores produtivos, a explotación salvaxe dos nosos recusos mineiros e enerxéticos, non merecen outro calificativo que o de constituír un auténtico roubo sen precendentes ao pobo galego.
Fronte a esta situación o BNG anuncia que seguirá desenvolvendo actos informativos e de protesta na rúa, así como tamén presentando iniciativas nos concellos e nos parlamentos nos que conta con representación.