O BNG acada o respaldo do pleno para instar ao goberno a solucionar o colapso dos servizos sociais

O BNG acada o respaldo do pleno para instar ao goberno a solucionar o colapso dos servizos sociais

Iolanda Veloso expresou o apoio do BNG ás reclamacións da asociación San Francisco por que é "unha cuestión de xustiza"

 

pleno outubro 2014Vigo, 27 de outubro de 2014.- O pleno aprobou por unanimidade a proposta do Bloque na que insta ao goberno municipal a adoptar medidas urxentes para solucionar o colapso dos servizos sociais do concello de Vigo. Na defensa do texto, a portavoz municipal do BNG defendeu que ademais de orzamentos cómpre contar con persoal xa que os recursos humanos e técnicos son “claramente insuficientes”.

Iolanda Veloso destacou que os recortes que padecen as persoas son responsabilidade das administracións da Xunta e do Estado, e o grupo nacionalista aceptou unha emenda de engádega proposta polos socialistas neste sentido. Porén, considerou que o PSOE “debería poñer en marcha medidas urxentes para atender a demanda da cidadanía”. Neste sentido criticou que malia o pacto orzamentario entre PP e PSOE, “seguen sen resolverse os principais problemas”.

A voceira municipal do BNG destacou que esta grave situación dos servizos sociais en Vigo xa foi denunciada en repetidas ocasións tanto por usuarios e usuarias, como por distintos colectivos sociais e incluso polo propio persoal da concellería.

Retrasos na xestión

Así, Iolanda Veloso lembrou que nun escrito de xuño de 2013 se denunciaba que o retraso medio na tramitación de expedientes era de algo máis de dous meses e en cita previa tres semanas ou un mes, mentres que en decembro os retrasos xa chegaban a tres meses no primeiro caso e de entre 33 e 57 días no segundo. Para poder solucionar esta situación reclamábase a contratación urxente de 17 traballadoras sociais e 7 auxiliares administrativas.

Tamén recordou que noutro escrito de decembro de 2013, o xefe de área de política de benestar trasladou os problemas dos servizos sociais á concelleira, indicando que mentres que a ratio estabelecida por lei é unha traballadora social cada 8000 habitantes en Vigo é dunha traballadora social por cada 17500 habitantes.

Iolanda Veloso salientou que xa en maio de este ano, outro escrito do persoal de benestar social insiste na gravidade da situación que fai imposible atender a demanda cidadá por falta de recursos humanos e técnicos. Comentou que ademais da mala atención no día a día, a situación actual do departamento reflíctese nas axudas convocadas polo concello, como as bolsas de comedor ou as axudas sociais que se resolven con grandes retrasos, tal e como indican os informes de intervención en ambos expedientes provocando graves prexuízos á cidadanía.

“Cómpre que o goberno local solucione esta situación e se preocupe por dar resposta ás demandas da cidadanía”, salientou a portavoz nacionalista, quen ao inicio do pleno trasladou o apoio do BNG ás reclamacións da asociación San Francisco, cuxo representante interveu na sesión. “É unha cuestión de xustiza, de dereitos e de respecto á vivir dignamente”, subliñou.

Emendas

O BNG presentou emendas a dúas das mocións presentadas polo grupo socialista. Unha delas, no eido sanitario, para que o documento recollese a necesidade de que o sistema de sanidade estea sobre a base dunha xestión pública, que foi aceptada polos socialistas. Ademais o Bloque presentou outra emenda para desvincular a busca de terreos para o campo de fútbol do Casablanca da construción da estación do AVE, que foi rexeitada.

O grupo nacionalista apoiou a proposta do PSOE para que o museo Marco recupere os investimentos das distintas administracións así como para que Vigo conte cunha nova praza de maxistrado na Audiencia Provincial. Por outro lado, respaldou as mocións populares que demandaban o aumento do horario da Pinacoteca e que instaban ao goberno local a estudar a posibilidade de instalar o barco Bernardo Alfageme no Museo do Mar.

 

O BNG acada o respaldo do pleno para instar ao goberno a solucionar o colapso dos servizos sociais