Otero: Hoxe sería un bo día para que Muñoz explicara por que o PP destrozou tanto emprego en Vigo
O candidato nacionalista participou na manifestación do 1º de maio convocada pola CIG e denunciou que no último ano se perderon 4.500 postos de traballo na cidade
Vigo, 1 de maio de 2015.- O candidato do BNG Asembleas Abertas á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, instou á candidata dos populares, Elena Muñoz, a explicar por que as políticas de recortes do Partido Popular desde a Xunta, sendo ela conselleira, e desde o goberno do Estado, provocaron en Vigo desde 2010 a destrución de máis de 13.000 postos de traballo e só no último ano a perda de 4.500.
Hoxe miles de vigueses e viguesas saímos á rúa en reivindicación de emprego e emprego digno na nosa cidade, emprego digno na nosa terra. Pero queremos preguntar onde está a candidata do Partido Popular?, que non son capaz de vela nesta nin na outra manifestación, comentou Otero.
Ao seu xuízo, sería moi importante que estivera hoxe aquí nunha manifestación e que non quede exclusivamente na campaña electoral todas as promesas de emprego que está facendo para a nosa cidade. Neste sentido comentou que todos sabemos e somos conscientes do que está pasando no sector naval, que está practicamente desaparecido, como na automoción, que cada vez ten moitos máis problemas.
Hoxe sería un bo día para que nos explicara cales foron as políticas do Partido Popular e nos explicara por que se fixeron os recortes e por que destrozou tanto emprego o Partido Popular na cidade de Vigo, afirmou, ao tempo que asegurou que queremos pecharlle o paso as políticas de recortes e pecharlle o paso na cidade de Vigo ás políticas do Partido Popular. Non queremos que goberne Galiza nin tampouco a cidade de Vigo.