Otero: Insostible non é o sistema universitario, senón a política de recortes do PP no ensino"
O candidato do BNG fai un chamamento á participación na mobilización estudantil do vindeiro xoves, que sairá ás 11.30 de praza América
Vigo, 24 de febreiro de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, mantivo unha xuntanza con representantes das organizacións estudantís Comités e Liga Estudantil Galega, tras a que manifestou o total respaldo do Bloque a manifestación que terá lugar o vindeiro xoves a partir das 11.30 desde a praza de América. Queremos facer un chamamento á cidadanía para que participe e ao profesorado para que facilite a participación, destacou.
Serafín Otero criticou a aposta polo ensino privado que está levando a cabo o Partido Popular a través da LOMCE e o seu encarecemento coa implantación do sistema 3 + 2, ao que cómpre darlle unha contestación contundente, defendeu. A LOMCE atenta contra o ensino público e as súas reformas implican que esteamos perdendo a nosa riqueza lingüística, asegurou.
Insostible non é o sistema universitario do estado español, insostibles son as políticas de recortes do PP en ensino e en sanidade, subliñou o candidato nacionalista a respecto das declaracións realizadas pola secretaria de Estado de Educación, nas que afirmaba que o sistema universitario é insostible.
Dificultades no acceso ao mundo laboral
Ademais de criticar os recortes na educación pública, Serafín Otero tamén se referiu ás dificultades que atopa a mocidade para acceder ao mercado laboral, que desde que empezou a crise están sendo terribles, asegurou. Neste sentido indicou que no último trimestre 13.000 mozos e mozos tiveron que emigrar.
Se esa é a recuperación da que nos fala continuamente Rajoy, estamos nunha situación moi preocupante, valorou Otero, quen falou dos soldos baixos moi baixos e incluso explotación, que padece a poboación máis nova. Pérdese emprego, e sobre todo emprezo da xente moza, denunciou.
Segundo destacou o candidato do Bloque, por todas estas razóns temos que apoiar a mobilización que convocan as organizacións estudantís. Ademais explicou que o BNG incorporará ao seu programa de goberno dúas medidas que favorezan a integración da vida universitaria na cidade, como son a apertura de salas de estudo na cidade e unha mellora substancial do transporte á Universidade de Vigo.
Pregunta á candidata do PP
Quero preguntarlle á candidata do PP se vai utilizar as mesmas políticas de recortes que usou na Xunta como unha medida de aforro no Concello de Vigo, manifestou Serafín Otero, quen salientou que o aclarase antes de iniciar a profundidade da campaña.
Neste sentido, os representantes estudantís expresaron as súas críticas ás decisións tomadas polo goberno do Partido Popular. Desde Comités, o seu representante Brais Fortes, ademais de agradecer o apoio do BNG ás mobilizacións, asegurou que as palabras manifestadas pola secretaria de Estado de Educación reflicten claramente o que busca o PP: privatizar o ensino.
A representante da Liga Estudantil Galega, Andrea Tato, afirmou que seguiremos loitando por un ensino feminista, de calidade, público e galego. En resposta ás preguntas dos medios alertou do elitismo que supón o aumento das taxas e a implantación do sistema 3+2. Unha familia media, cun membro en paro non poderá pagar 1.200 euros por curso, denunciou