O BNG alerta de que o PP xa non esconde no seu discurso que pretende acabar coa universidade pública

O BNG alerta de que o PP xa non esconde no seu discurso que pretende acabar coa universidade pública

O Bloque propón que os cursos de máster teñan o mesmo prezo de matrícula que os de grao como antídoto contra o decreto Wert do 3+2

 

VENCE, MATO, OTERO  (1)

Vigo, 25 de Febreiro 2015.- O BNG advirte que o PP decidiu quitarse a careta e facer explícito no seu discurso que pretende acabar co sistema universitario público tal e como foi concibido ata agora: acceso universal ao coñecemento superior como peza clave da igualdade social e do desenvolvemento económico.

As declaracións da secretaria de Estado de Educación, Montserrat Gomendio, e as do propio Wert asegurando que o sistema universitario público é inviable porque o alumnado non paga suficiente, supón para o portavoz nacional, Xavier Vence, “un xiro copernicano mudando a idea de que a universidade é unha peza clave para o desenvolvemento económico e social”. “Xa non agochan o seu discurso”, advirte o dirixente do Bloque.

Tras un encontro co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, ao que tamén asistiu o candidato á Alcaldía de Vigo, Serafín Otero, salientou que é necesario “responder” a este “ataque sistemático porque é unha ameaza para o futuro da universidade pública de calidade e hai que respondelo con contundencia desde as universidades e tamén desde os grupos políticos”.

Neste sentido, explicou as propostas do BNG incidindo en dúas medidas concretas: dotar de máis financiamento ás universidades e oposición total ao decreto de 3+2, porque supón devalar a calidade do ensino para aqueles miles de estudantes que non podan pagar os elevados prezos dos postgraos. Por esta razón, a formación nacionalista propón que os prezos da matricula para os master sexan os mesmos que o prezo da matrícula para os graos.

VENCE, MATO, OTERO  (2)

450 millóns anuais

En materia de financiamento, Vence fixo unha proposta concreta que implica unha dotación económica mínima de 450 millóns de euros anuais, - un 5,3% do orzamento autonómico con cifras de 2015-, fronte aos 374 millóns de euros deste exercicio, e garantir o persoal docente e investigador necesario, hoxe en risco pola taxa de reposición.

“No BNG estamos totalmente mobilizados para enfrontarnos a ese discurso de recorte porque é a dirección contraria á que hai que ir dunha sociedade e unha economía baseada no coñecemento”, argumenta, desde o convencemento de que a universidade ten que ser unha peza clave na formación de persoas, de creación de coñecemento e de investigación de utilidade para a sociedade e para as empresas.

 

O BNG alerta de que o PP xa non esconde no seu discurso que pretende acabar coa universidade pública