O pleno rexeita a proposta do BNG de iniciar o proceso para municipalizar o servizo de auga
Iolanda Veloso defende que se estuden modelos de xestión alternativos, unha auditoría das infraestruturas, un análise da plantilla e un control dos investimentos
Vigo, 9 de febreiro de 2015.- No pleno celebrado hoxe, o Bloque non contou co apoio necesario para sacar adiante a súa proposta de iniciar o proceso de municipalizar o servizo de abastecemento e saneamento da auga en Vigo. Na defensa da moción, a portavoz municipal, Iolanda Veloso, salientou os beneficios que tería esta decisión para a cidadanía, ao abaratarse substancialmente o recibo.
Falamos dun ben de primeira necesidade e pensamos que a estas alturas é necesario retomar o control dun servizo básico, salientou Iolanda Veloso, quen lembrou que xa cando se realizou a concesión do servizo por parte dun goberno socialista o BNG xa augurou que a privatización prexudicaría aos vigueses e viguesas, ao incrementarse o custo.
A voceira municipal do BNG criticou que o actual goberno do PSOE decidise unilateralmente prorrogar a concesión sen que cumprise o que aprobou aprobou en diversos plenos nestes últimos catro anos, como é a modificación da tarifa da auga. Alertou, ademais, de que o vindeiro ano pode ampliarse a prórroga automaticamente.
Os vigueses e viguesas non podemos seguir pagando obras e necesitamos recuperar o control dun ben básico como o da auga, salientou en referencia ás humanizacións que se fan con cargo á prórroga, pese a que hai barros nos que se producen roturas continuas. Destacou que ademais da municipalización do servizo o BNG defende que se estuden os distintos modelos de xestión posibles, que se realice unha auditoría ás infraestruturas, un análise da plantilla e un control dos investimentos.
Hepatite C
Pese a que o PSOE se opuxo a que o pleno aprobase a moción do colectivo de afectados pola hepatite C como declaración institucional, o BNG apoio a proposta dos socialistas que insta ao goberno central a subministrar aos pacientes o seus respectivos tratamentos. Votaremos a favor desta moción porque ante todo mantemos o apoio ás persoas enfermas de hepatite C, subliñou Iolanda Veloso. Esperamos que o goberno tome a decisión de rematar con esta situación tan desesperante e que os enfermos poidan acceder aos seus tratamentos, engadiu.
Túnel de Beiramar
O Bloque deu o seu apoio á moción presentada polo PSOE para que se acometa a ampliación do túnel de Beiramar. O BNG sempre mantivo a necesidade de amplialo e de recuperar a superficie para a cidade, manifestou Iolanda Veloso ao tempo que lembrou que esta foi unha das emendas presentadas ao Plan de Usos do Porto. Criticou asemade que a non construción aínda desta infraestrutura responde a cuestións partidistas e electoralistas, tal e como ten acontecido co túnel do Parrote, na Coruña.
Súbete ao Castro
Ao fío dunha moción do PP instando ao goberno a crear un plan de emprego xuvenil (a respecto da que o BNG se abstivo), o concelleiro Santi Domínguez lembrou que o Bloque leva dous meses preguntando polo Súbete ao Castro e o peche das instalacións. O PP non é crible nin fiable facendo propostas para a xuventude, porque cando gobernan fan xusto o contrario do que din. Pero a concelleira tampouco é fiable, porque nestes catro anos non tiveron nin unha sosa idea a prol da mocidade e as iniciativas que deixamos o BNG as pechan, criticou.
Puntos limpos
O Bloque apoiou asemade unha moción dos populares na que instaban ao goberno local a poñer en marcha os puntos limpos recollidos no PXOM. No transcurso do debate, o concelleiro Xabier Alonso recriminou a falta de respecto do alcalde, por non escoitar as intervencións dos edís mentres están na súa quenda da palabra. Convidouno, ademais, a visitar o punto limpo de Pontevedra e comprobar o seu funcionamento.
Alumeado rotonda
Finalmente, na quenda de rogos e preguntas, o concelleiro Santi Domínguez instou ao goberno municipal a acometer o alumeado da rotonda ubicada na avenida Clara Campoamor debaixo da VG20, posto que na actualidade supón un perigo para o tráfico, apuntou.