Serafín Otero: A colocación do Alfageme en Coia é unha clara mostra do autoritarismo do alcalde"
O candidato do BNG critica a incapacidade de Caballero para dialogar cos colectivos sociais da cidade
Vigo, 19 de febreiro de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, destacou que a colocación esta madrugada do barco Bernardo Alfageme na rotonda de Coia, despois de tres meses de conflito veciñal e cun gran despregue policial, é unha clara mostra do autoritarismo do alcalde, unha actitude que pensamos que xa pertencía a outros tempos.
Serafín Otero criticou ademais que o alcalde utilizase as forzas de seguridade para cumprir os seus caprichos e sexa incapaz e dialogar cos colectivos sociais e os partidos políticos. Neste sentido asegurou que o alcalde é xordo e cego. Ao seu xuízo é xordo en tanto que é incapaz de dialogar cos diferentes colectivos sociais, como o de Coia e cos partidos políticos da cidade.
O alcalde tamén é cego porque non ve as necesidades da cidadanía, asegurou o candidato nacionalista, en referencia á súa ineficacia na xestión dos servizos sociais municipais ao non priorizar o benestar da veciñanza e evitar o aumento das situacións de emerxencia social e pobreza enerxética.
Talente antidemocrático
Ademais, para Otero, Caballero amosa o seu talante antidemocrático ao non respectar os acordos plenarios. Neste sentido fixo referencia ás dúas mocións aprobadas no pleno vigués sobre o Bernardo Alfageme, unha presentada polo PP e a segunda polo BNG. É inaudito que o alcalde desprece totalmente as decisións tomadas democráticamente pola corporación viguesa, manifestou.