Veloso acusa ao alcalde de botar contas falsas para non crear o bonobús para persoas sen recursos

Veloso acusa ao alcalde de botar contas falsas para non crear o bonobús para persoas sen recursos

rolda bonobús desempregados

A portavoz municipal, Iolanda Veloso, criticou as xustificacións esgrimidas polo alcalde para non implantar o bonobús de Vitrasa para persoas desempregadas de longa duración e sen recursos, pese a ser aprobado por unanimidade no pasado pleno. “Non admitimos que nos diga que esta proposta quebraría o concello porque isto é radicalmente falso”, defendeu a responsable nacionalista.

Segundo explicou Iolanda Veloso, as contas feitas polo alcalde son “surrealistas e completamente absurdas”, xa que supoñen que todos os desempregados de longa duración van utilizar o bonobús catro veces ao día os 365 días ao ano. "É unha posibilidade maximalista que non se cumpre en ningún caso”, manifestou.

Desmontando falacias

Neste sentido, para desmontar as argumentacións do rexedor, a portavoz nacionalista comparou os cálculos achegados por este cos datos reais de utilización das diferentes tarxetas de Vitrasa subvencionadas. Deste xeito, mentres o alcalde considera que se das 35.000 persoas desempregadas que existen en Vigo, 15.000 tiveran acceso a tarxeta que xa existe o custe da subvención superaría os 14 millóns. Pola contra, o custe real deste bono son 71.000 euros, segundo publicaron diversos medios a semana pasada.

A voceira do BNG tamén fixo referencia ao bonobús universitario; ao respecto sinalou que tendo en conta que o campus de Vigo ten máis 13.000 estudantes e que a subvención é de 59 céntimos, a achega do Concello de Vigo superaría os 11 millóns. Porén, segundo os datos de 2013 a achega neste caso é de 1,7 millóns, “moi lonxe de que todos os estudantes universitarios teñan a tarxeta universitaria e fagan catro viaxes ao día todos os días do ano”, apuntou.

rolda bonobús desempregados 2

“Os datos demostran que facer estas contas para calcular o custe dunha subvención é absurdo”, salientou Iolanda Veloso, quen considerou que se o alcalde manda estudar aos concelleiros do BNG “é porque nos toma por idiotas”. “Ou ben o alcalde sabe que os parados de longa duración están constituíndo un complot para quebrar o concello ou ben estas contas non teñen sentido”, ironizou.

Falta de vontade política

Para a voceira do Bloque o problema é que o alcalde non quere implantar esta medida social para favorecer ás persoas sen recursos. “Se houbese vontade política non botaría estas contas absolutamente desproporcionadas e buscaría alternativas”, asegurou. Nesta liña sinalou que hai “múltiples posibilidades”, como establecer un máximo de viaxes gratuítas ao mes.

“O que pasa é que o alcalde quere e por iso os parados de Vigo teñen que sufrir o billete de bus urbano máis caro de todo o país”, denunciou, ao tempo que criticou que o alcalde o único que fai en lugar de buscar solucións é botarlle a culpa do que acontece e “aplicar recortes igual que fai o PP”.

 

Veloso acusa ao alcalde de botar contas falsas para non crear o bonobús para persoas sen recursos