O Bloque pide que os afectados polas cláusulas solo recuperen todos os cartos perdidos
Vence propón que o parque de vivendas do banco malo se poña a disposición das familias desafiuzadas e sen ingresos
Vigo, 14 de xaneiro de 2014.- O BNG solicita ao Goberno central que mude a Lei Hipotecaria para que os afectados polas denominadas cláusulas solo, -que impiden aos asinantes dunha hipoteca beneficiarse da baixada de xuros-, recuperen todo o diñeiro perdido por este abuso bancario con efecto retroactivo desde o momento en que asinaron o crédito para a vivenda, e non só desde maio de 2013, data da sentenza do Tribunal Supremo que anula estas cláusulas solo.
Con ese obxectivo, a formación nacionalista levará ao Congreso e ao Parlamento unha serie de iniciativas nas que recolle as peticións da Plataforma de afectados polas cláusulas solo e outros abusos bancarios, que trasladaron as súas peticións ao BNG nunha reunión co portavoz nacional e parlamentar, Xavier Vence e Francisco Jorquera respectivamente, e coa portavoz no Grupo Municipal de Vigo, Iolanda Veloso.
Nunha xuntanza celebrada en Vigo con este colectivo, o portavoz nacional do Bloque explicou que, só na cidade viguesa hai 4.000 familias afectadas polas cláusulas solo.
É inxusta a situación que atravesan estas familias que non poden facer fronte ás hipotecas, ás que o banco impuxo unhas condicións abusivas a través de cláusulas incomprensibles e coa complicidade dos notarios que non advertiron do que estaba detrás desas condicións, denunciou Vence, quen criticou a protección que o Goberno presta ás entidades financeiras permitindo que moitas familias sexan vítimas deste abuso.
Vence alertou de que estamos ante un problema social grave que vai en aumento, porque as familias quedan en paro e sen ingresos, mentres os bancos seguen premendo con intereses de demora e mesmo ameazando coa perda da vivenda.
Parque de vivendas públicas e do banco malo
Neste sentido, o dirixente nacionalista salientou que o Bloque presentará no Congreso unha iniciativa para facer os cambios necesarios na Lei Hipotecaria que permita a recuperación retroactiva de todo o diñeiro aos clientes que sufriron esta mala praxe bancaria, como quedou demostrado na sentenza do Supremo.
Ademais, o Bloque levará ao Parlamento dúas propostas destinadas ao Goberno galego. Primeiro, para que as familias en situación de indefensión xudicial afectadas por un desafiuzamento teñan cobertura pública que garanta a súa igualdade ante a Xustiza e, segundo, pór a disposición das familias que se quedan sen casa o parqué de vivendas públicas da Xunta e o parqué de vivendas do denominado banco malo que pagamos co recursos de todos e todas, alega.
Ten que haber unha política pública da Xunta para dar cobertura ás familias que quedan sen vivenda, e unha tutela xudicial efectiva para garantir a gratuidade do acceso á xustiza para as persoas afectadas que se quedan sen vivenda e sen ingresos, sobre todo despois de subir as taxas xudiciais. En caso contrario, a exclusión xudicial sumaríase á social, concluíu Vence.