O Bloque insta ao goberno local a solucionar o colapso dos servizos sociais municipais
Iolanda Veloso critica que o alcalde só puxera en marcha parches para solventar o retraso estrutural na concellería
Vigo, 16 de outubro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, presentou a moción que o grupo nacionalista defenderá no vindeiro pleno, na que se insta ao goberno municipal á adopción de medidas urxentes para a solución do colapso dos servizos sociais do concello de Vigo dotándoo de todos os recursos humanos e técnicos precisos. Segundo denunciou a voceira do Bloque xa existe un retraso estrutural debido a falta recursos humanos e técnicos nesta concellería, pese ao gran esforzo que realiza o persoal do Concello.
Solucionar este problema é unha cuestión de vontade política; en ningún caso das traballadoras, que están facendo un esforzo moi grande para solucionar os problemas da cidadanía, destacou Iolanda Veloso, quen criticou que o colapso leva á imposibilidade de xestionar os recursos económicos existentes.
A voceira nacionalista sinalou que esta situación xa foi denunciada por varios usuarios e usuarias, así como colectivos sociais e polo propio persoal da concellería. Neste sentido explicou que precisamente a situación do persoal é cada vez máis difícil polo forte aumento da demanda de servizos sociais e levan tempo reclamando a concello que se poñan en marcha máis recursos.
Incumprimento da ratio
Iolanda Veloso sinalou que, nun escrito de decembro de 2013, o xefe de área de política de benestar trasladou os problemas dos servizos sociais á concelleira de política de benestar. Nese escrito indica que a ratio estabelecida por lei é unha traballadora social cada 8.000 habitantes mentres que en Vigo é dunha traballadora social por cada 17.500 habitantes, de xeito que existe un incumprimento grave da ratio estabelecida por lei, denunciou.
Pese a que o persoal está facendo un esforzo enorme, que supón un forte aumento do estrés, os atrasos agraváronse, criticou a portavoz municipal do BNG, de forma que a finais de maio o retraso medio na tramitación de expedientes era de algo máis de dous meses e en cita previa tres semanas ou un mes.
Segundo explicou Iolanda Veloso, esta situación foi comunicada polo persoal da concellería en escritos de xuño de 2013 e en maio deste ano, cando se insiste na imposibilidade de atender a demanda cidadá pola fata de recursos humanos e técnicos. Precisamente para solucionar esta situación reclamábase a contratación urxente de 17 traballadoras sociais e 7 auxiliares administrativas.
A estes problemas na tramitación ordinaria das axudas súmanse os que provocan a convocatoria das axudas extraordinarias, como como as bolsas de comedor ou as axudas sociais. Estas axudas tamén se resolven con grandes atrasos, tal e como indican os informes de intervención sobre a superación do prazo legal estabelecido de tres meses para resolvelos, sinalou Veloso.
Oferta pública de emprego
A resposta do goberno fronte a esta situación foi a de aplicar pequenos parches absolutamente insuficientes, criticou Iolanda Veloso. Para solucionar este problema estrutural non se poden contratar 3 administrativas por tres meses, cando a propia concellería pide 17 traballadoras sociais e 7 auxiliares administrativas, subliñou ao respecto.
Por outro lado, a portavoz municipal do BNG sinalou que da oferta pública de emprego, que incluiría 7 prazas de traballadoras sociais, en principio prevista para este mes de outubro, nada se sabe. Lembrou que aínda o Bloque reclamou a celebración dun pleno extraordinario para debater a contratación de máis traballadoras sociais, o alcalde négase.