Xabier Alonso reclama á Xunta que cumpra o seu compromiso co atletismo vigués de competición
Ao fío da mellora do circuito de atletismo de Castrelos, o concelleiro nacionalista Xabier Alonso quixo facer un chamamento á Xunta de Galiza para que cumpra os seus compromisos co atletismo de competición, acometendo a reforma das pistas de Balaídos.
Está moi ben que as persoas que practican deporte como forma de manter a súa saúde teñan espazos axeitados para adestrar, pero non pode ser que as instalacións que deberían estar a disposición dos atletas que participan en competicións de alto nivel estean descoidadas, salientou o edil do BNG.
Para Xabier Alonso é unha mágoa que a Xunta siga sen cumprir o seu compromiso co atletismo vigués. Neste sentido lembrou que este compromiso naceu dun convenio entre a administración autonómica e o Concello de Vigo, sendo o propio Alonso concelleiro de Deportes. O Concello vigués cumpriu, construíndo o pavillón de Candeán, pero aínda estamos agardando pola Xunta, apuntou.
Segundo destacou o edil nacionalista, o Bloque seguirá insistindo en que a Xunta cumpra os seus compromisos coa cidade e neste caso concreto, co atletismo de competición vigués.