Participación cidadá, transporte e PXOM centrarán o traballo do BNG de Vigo nos vindeiros meses
- O concelleiro, Xabier P. Igrexas, presentou acompañado pola portavoz nacional, Ana Pontón, as liñas de traballo nun almorzo informativo co gallo do inicio de curso político.
- Pontón salientou que o BNG abriu “unha nova etapa” no Concello após o seu retorno e destacou o traballo “serio e rigoroso” e a “capacidade e valentía” do seu portavoz municipal.
- Igrexas cualificou de “veto ilegal e antidemocrático” que o PSOE impedise o debate da moción urxente sobre a situación dos bombeiros no Pleno de onte.
O portavoz municipal nacionalista valorizou as primeiras semanas após o regreso do BNG á Corporación viguesa, salientando que a presenza do Bloque está a contribuír para que os debates sen centren nos problemas e nas necesidades reais da cidade. Tamén subliñou o esforzo por defender unha alternativa en positivo, con propostas concretas e cun afán construtivo.
Neste sentido, Ana Pontón salientou que a formación nacionalista está a facer en Vigo un traballo moi importante “desde o rigor, a seriedade e dando debates de fondo” para enfrontar os “problemas importantes que ten a cidade” e o contrapuxo á “política de decorado”. “O BNG iniciou unha nova etapa no Concello de Vigo, cun portavoz preparado, con capacidade e con valentía para enfrontar os problemas e necesidades da cidade”, resumiu. A voceira nacional tamén enfatizou a relevancia da cidade manifestando que “Vigo é a cidade máis importante de Galiza e o seu papel vai ser clave para o futuro do noso País”.
Liñas de traballo
Igrexas debullou as liñas de traballo que a formación nacionalista despregará nos vindeiros meses. As principais cuestións nas que se centrará o Bloque serán a demanda de máis participación cidadá, a mellora do transporte público e o impulso a un novo PXOM.
“A nosa primeira moción no Pleno demandaba un novo regulamento de participación cidadá. Queremos máis democracia a nivel municipal, e que non escoitar deixe de ser unha opción”, explicou. No concreto, defenderán a necesidade de revitalizar os consellos sectoriais municipais, configurándoos como espazos de codecisión que supere a súa función “ornamental”, crear os consellos veciñais de barrios e parroquias e impulsar a elaboración participativa dos orzamentos municipais. “Vigo non se pode permitir uns novos orzamentos que só teñan en conta a opinión do PSOE”, advertiu.
No relativo á mellora da mobilidade, Igrexas cualificou esta cuestión de “estratéxica” e apostou por aproveitar a nova concesión do transporte urbano para acometer unha mellora profunda que permita “revolucionar a mobilidade, reducindo o uso do coche privado e creando as condicións para seguir avanzando no proceso de democratización do espazo público”. A fronte nacionalista demanda un novo mapa de liñas que conecte mellor toda a cidade, con especial atención aos barrios e as parroquias, e a mellora “radical” das frecuencias.
O terceiro grande eixo da acción política das nacionalistas en Vigo será promover a “urxente elaboración dun novo PXOM”. Neste sentido, o voceiro do Bloque na cidade volveu insistir na necesidade de que o proceso sexa “transparente e participativo” fronte a opacidade coa que se está a realizar. “Eu son membro do Consello da Xerencia de Urbanismo e non teño ningunha información de con quen se está a falar para elaborar o novo Plan”, exemplificou. “O PXOM de 2008 foi tombado pola falla de consenso, non podemos repetir ese erro”, reclamou. Igrexas defende que o novo PXOM ten que ser o instrumento que permita planificar o desenvolvemento da cidade a curto e medio prazo, apostando nun “urbanismo racional e ambientalmente sostíbel, ao servizo da cidadanía e da cidade e non dos intereses dos poderosos e especuladores”.
Moción sobre os bombeiros
Igrexas tamén se referiu ao sucedido no Pleno de onte, onde a presidencia, que exercía nese momento a tenente de alcalde, Carmela Silva, impediu que se ditaminase e debatese a moción de urxencia presentada polo BNG a respeito da situación límite no corpo de bombeiros, cando se cumprían 20 días do inicio da folga indefinida.
O edil nacionalista cualificou a negativa de Silva de “veto absolutamente ilegal e antidemocrático” salientando que a decisión vulnerou o Regulamento Orgánico do Pleno e conculcou os seus dereitos como concelleiro. “Onte vimos como o PSOE de maneira covarde escudouse nunha actuación inapropiada do secretario municipal, exercendo funcións que non lle corresponden, para evitar que o Pleno puidese abordar a gravísima situación de inseguridade que está a provocar o colapso do servizo de bombeiros”, criticou.
Segundo explicou o concelleiro, a moción axustábase ao previsto no artigo 63.4 do Regulamento, ficando debidamente xustificada a súa urxencia. “No texto da moción recollemos expresamente a motivación en dous feitos que sucederon con posterioridade á convocatoria do Pleno, como esixe o Regulamento. En concreto a aprobación da OPE para 2019 con apenas 11 novas prazas para o servizo de bombeiros, e a denuncia presentada polo Comité de Folga perante a Inspección de Traballo sobre a vulneración de dereitos fundamentais e que se están a poñer en risco a situación dos traballadores”, detallou. Neste sentido, Igrexas lembrou que non lle corresponde nin ao secretario nin á presidencia do Pleno ditaminar a urxencia da moción para proceder, ou non, ao seu debate. “Esa decisión correspóndelle só ao Pleno da Corporación, como se recolle no propio Regulamento, e foille furtada”, acrecentou.
Igrexas asegurou que o veto da moción nacionalista só pretendía “evitar que na acta do Pleno quedase constancia da irresponsabilidade coa que o Goberno municipal está a xestionar o conflito aberto cos bombeiros da cidade”. No entanto, asegurou que ese comportamento volveu “retratar un goberno tan autoritario como incapaz”.