O BNG interpela Abel Caballero sobre o informe do Ministerio de Economía polo reequilibrio de Vitrasa

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista pide que o Goberno municipal aclare se a Oficina Nacional de Avaliación xa informou sobre a nova indemnización á concesionaria de bus urbano, despois de abonar case 6 millóns de euros polos efectos da pandemia

Xabier P. Igrexas: “A solicitude dese informe foi a escusa utilizada por Abel Caballero para negarnos de maneira ilegal ao BNG o acceso ao expediente municipal do reequilibrio”

O BNG interpela Abel Caballero sobre o informe do Ministerio de Economía polo reequilibrio de Vitrasa

O Bloque Nacionalista Galego interpela o alcalde de Vigo, Abel Caballero, sobre o informe da Oficina Nacional de Avaliación, dependente do Ministerio de Economía, sobre o reequilibrio económico da concesión de Vitrasa. A fronte nacionalista vén de preguntar nas Comisións Informativas do Concello se este organismo xa informou sobre a nova indemnización á concesionaria de bus urbano, despois de abonar case 6 millóns de euros polos efectos da pandemia.

“A solicitude dese informe foi a escusa utilizada por Abel Caballero para negarnos de maneira ilegal ao BNG o acceso ao expediente municipal sobre esta indemnización”, cuestionou o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, sobre o reequilibrio que o rexedor vigués anunciou en novembro de 2023 como “inminente”, chamando a desconvocar unha folga no servizo que hoxe vai camiño de cumprir tres meses.

Nese sentido, Igrexas chamou o Goberno municipal a deixar de agocharse na “opacidade” sobre esta cuestión porque “as viguesas e os vigueses teñen dereito a saber se vai estenderse un novo cheque a Vitrasa co seu diñeiro e a cambio de que”. Unha opacidade que, lembrou o voceiro nacionalista, xa provocou dous requerimentos por parte da Valedora do Pobo.

Dende o BNG reprocharon que, malia e inxectar ducias de millóns de euros nos últimos catro anos en concepto de indemnización ou de subvención anual polas tarifas bonificadas, a veciñanza de Vigo ten na actualidade un “moito peor” servizo de bus urbano, con 250 frecuencias menos e coa desaparición de varias liñas.

“O Concello pode e debe facer moito máis para deixar de ser parte do problema nun conflito enquistado desde hai 3 anos nun servizo público que, cómpre reiterar, é de titularidade municipal”, remachou Igrexas, subliñando a urxencia dunha solución diante do “grave impacto” que ten para as viguesas e os vigueses.

O BNG interpela Abel Caballero sobre o informe do Ministerio de Economía polo reequilibrio de Vitrasa