O BNG de Vigo afea a “propaganda obscena” de Caballero coas axudas sociais cando recortou o orzamento á metade
Xabier P. Igrexas: “Humanizar Vigo non é enfeitar as nosas rúas nin facer grandes obras, pasa por destinar moitos máis esforzos e recursos para que ninguén quede atrás”
O Bloque Nacionalista Galego afea a “propaganda obscena” do alcalde de Vigo, Abel Caballero, coas axudas sociais de emerxencia cando recortou o seu orzamento a menos da metade dende o ano 2020. A fronte nacionalista critica que o Goberno municipal presuma das axudas concedidas en 2023, cun importe medio de apenas 260 euros, mentres Vigo continúa a ter máis de 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza.
“O Goberno de Abel Caballero vai destinar este 2024 a metade a axudas sociais despois de triplicar o gasto en luces e adornos de Nadal”, comparou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrando que no ano 2020 as partidas orzamentarias para prestacións sociais municipais eran de preto de 2,5 millóns de euros e para o vindeiro ano se rebaixaron até 1,2 millóns.
Igrexas chamou así ao rexedor a cesar nesa “pornografía partidista” coas axudas sociais no actual contexto de grave crise. “Estas axudas supuxeron de media unha achega de apenas 260 euros por persoa ou familia, que é moito menos do que algunhas concelleiras e concelleiros perciben por asistiren a cada sesión plenaria”, cuestionou.
Nese sentido, lamentou que o PSOE impuxera unilateralmente este recorte nas contas para o vindeiro ano, rexeitando as emendas do BNG que apostaban por reforzar os recursos en política social. Unha decisión que, a xuízo das nacionalistas, fai que Vigo siga retrocedendo en gasto social por habitante, con apenas 70 euros lonxe dos 100 fixados nos limiares oficiais.
Dende o BNG reiteraron a necesidade de reorientar as políticas municipais para atender “o verdadeiramente importante”, nunha cidade onde continúan existindo “filas da fame”, con máis de 200 persoas “malvivindo ou malmorrendo” nas rúas de Vigo por non ter fogar e logo de que o pasado ano perderan a vida até 16 persoas na rúa ou en infravivendas.
“Humanizar Vigo non é enfeitar as nosas rúas nin facer grandes obras, humanizar Vigo só pode facerse poñendo ás persoas no centro, destinando moitos máis esforzos e recursos a axudar a quen menos pode para que ninguén fique atrás”, reclamou o portavoz nacionalista, quen puxo como exemplo o cheque social municipal, impulsado no seu momento polo BNG como un complemento a outros ingresos como a Risga ou o actual Ingreso Mínimo Vital que non garanten a subsistencia material, e que foi eliminado polo Goberno de Caballero.