O BNG pedirá o apoio do Pleno de Vigo para impedir o «golpe letal» ao sector pesqueiro a causa do veto europeo

Xabier P. Igrexas en rolda de prensa
Xabier P. Igrexas en rolda de prensa

A fronte nacionalista rexistra unha moción para reclamar que Goberno español, Xunta e Concello actúen para reverter a prohibición imposta pola Comisión Europea, a principiar pola suspensión da súa entrada en vigor nos próximos días.

Denuncia a falla de esforzos dos Executivos de Madrid e Santiago para defender á frota galega desta decisión «inxusta», que ameaza con reducir até un 75% as capturas.

Xabier P. Igrexas: «Este novo regulamento é un paso máis na deliberada ofensiva por parte dos burócratas de Bruxelas en contra da pesca viguesa e galega»

O BNG pedirá o apoio do Pleno de Vigo para impedir o «golpe letal» ao sector pesqueiro a causa do veto europeo

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar este luns a moción que defenderá no vindeiro Pleno de Vigo coa que urxe a impedir o «golpe letal» da prohibición da pesca en 87 caladoiros por parte da Comisión Europea. A fronte nacionalista pide o apoio unánime da Corporación para reclamar que Goberno español, Xunta e Concello tomen medidas para frear a entrada en vigor deste regulamento europeo que ameaza a continuidade deste sector estratéxico da cidade.
 

«Estamos diante dun novo golpe que se impón de forma unilateral desde Bruxelas, sen interlocución co propio sector, e que se engade ás moitas limitacións xa existentes para a frota galega», advertiu en rolda de prensa o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, tras manter canda a deputada nacionalista e membro da Comisión de Pesca do Parlamento galego, Carmela González, unha xuntanza co responsábel do Mar da CIG, Xavier Aboi, o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Xesús García.

Igrexas chamou a enviar con esta moción unha «mensaxe clara e rotunda» en chave de cidade contra esta «nova agresión dos burócratas de Bruxelas» a un sector que representa arredor de 32 mil postos de traballo na área viguesa. Así, a proposta nacionalista insta a o goberno de Abel Caballero a convocar o Consello Social da cidade para expresar un rexeitamento conxunto do máximo organismo representativo dos sectores institucionais, sociais, económicos e produtivos de Vigo.

Falla de esforzos de Xunta e Goberno español

O edil do BNG criticou a falta de esforzos dos Executivos de Madrid e Santiago para defender á frota galega desta decisión «inxusta», que ameaza con reducir até un 75% as capturas.

«Este novo regulamento é un paso máis na brutal e deliberada ofensiva por parte de Bruxelas en contra da pesca galega, que conta sempre coa anuencia cómplice, por acción ou omisión, do Goberno español e da Xunta», afeou.

Desde a fronte nacionalista urxiron nese sentido a que o Goberno galego inicie o procedemento xudicial anunciado pola propia Consellaría de Mar para frear este regulamento, ademais de atender a demanda do sector para convocar de inmediato o Consello Galego de Pesca. «O PP leva meses prometendo unha posición firme de defensa do sector, mais para alén das palabras e anuncios, non se ten constatado ningún esforzo real en confrontar de verdade esta decisión imposta», subliñou Igrexas.

No caso do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos, o concelleiro do Bloque asegurou que a día de hoxe «descoñecemos cal foi a posición que sostivo durante o desenvolvemento deste regulamento nin tan sequera se formulou algunha alternativa». Así, a moción das nacionalistas reclama ao Executivo de Pedro Sánchez que despregue todas as accións como Estado membro para lograr a anulación deste veto, en particular, para suspender a súa entrada en vigor prevista para comezos de outubro.

Fronte común

Pola súa banda, o responsábel do Mar da CIG, Xavier Aboi, censurou os argumentos da Comisión Europea para tomar esta decisión, por non contar coa opinión do sector nin cos informes técnicos precisos, e advertiu de que pode supoñer a desaparición da frota galega tal como a coñecemos. Aboi cuestionou tamén as actuacións dos Gobernos español e galego durante os últimos meses e pediu actuar cunha fronte común para evitar a súa aplicación. «Aquí non vale con saídas individuais, non vale que a Xunta comece a pelexar con Madrid, nin que Madrid inste á Xunta a que vaia a Bruxelas», remachou.

O BNG pedirá o apoio do Pleno de Vigo para impedir o «golpe letal» ao sector pesqueiro a causa do veto europeo