O BNG de Vigo lanza un SOS polo pequeno comercio da cidade

rolda orzamentos

A fronte nacionalista denuncia a insuficiencia das políticas de apoio por parte da Xunta e a inacción do Concello.

A deputada, Carmela González, critica que as axudas habilitadas polo Goberno galego redúcense a “moita propaganda” ao seren inaccesíbeis para a meirande parte dos e das comerciantes.

Xabier P. Igrexas: “O comercio de proximidade, o que dinamiza a cidade, o que vertebra os nosos barrios e parroquias e crea emprego estábel está absolutamente orfo de apoio por parte das administracións”

O BNG de Vigo lanza un SOS polo pequeno comercio da cidade

O Bloque Nacionalista Galego lanzou un SOS a respeito da situación crítica que atravesa o pequeno e mediano comercio da cidade de Vigo. A fronte nacionalista critica a insuficiencia das políticas de apoio ofrecidas pola Xunta e a inacción do Concello.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, e a deputada e portavoz de Comercio do BNG no Parlamento galego, Carmela González, mantiveron unha xuntanza con integrantes da Xunta Directiva da asociación de comerciantes das Travesas (AETRAVI). “Neste encontro volvimos constatar como o comercio de proximidade, o que dinamiza a cidade, o que vertebra os nosos barrios e parroquias e crea emprego estábel está absolutamente orfo de apoio por parte das administracións”, resumiu Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista cargou contra a “cerrazón” do Goberno local de Abel Caballero, que se nega a atender as demandas de colectivos como AETRAVI, que é unha das maiores asociacións de comerciantes da cidade, e que insiste en que Vigo sexa a única das sete cidades galegas que non despregou un programa de axudas directas ao pequeno e mediano comercio. “Vigo, cun orzamento de 354 millóns de euros este 2021, no que si que hai unha partida de case 3 millóns de euros para subvencionar aeroliñas privadas, destina cero euros para apoiar o comercio local”, reprochou.

Desde a fronte nacionalista critican que os únicos feitos concretos do prometido apoio municipal ao comercio foron “a instalación de banderolas en farolas e a organización de concertos en diferentes rúas, mesmo en horarios onde está o comercio fechado e dos que os comerciantes non perciben ningún retorno”. Aliás, denuncian a negativa “contumaz” a convocar a Mesa Local do Comercio, como reclama o BNG desde o pasado 2020, e o incumprimento de promesas por parte do rexedor. “Onde está o Amazon vigués que Abel Caballero presentou en até tres roldas de prensa hai máis dun ano?”, inquiriu Pérez Igrexas.

A nivel municipal o BNG sigue a defender a necesidade de poñer en marcha un programa de axudas directas dotado como mínimo con 10 millóns de euros para apoiar o tecido comercial e o sector da hostalaría. Reiteran, ademais, a necesidade de revisar os impostos e taxas municipais para que deixen de afogar o sector e rexeitan o “tarifazo” da auga aplicado unilateralmente polo grupo de Goberno e que supuxo o incremento nun 531% dos custes fixos do recibo da auga para as PEME.

Propaganda da Xunta

Pola súa parte, a deputada do BNG, Carmela González, cuestionou a eficacia e alcance real das medidas de apoio anunciadas pola Xunta de Galiza que resumiu en “moita propaganda, moito anuncio, moita cifra para titulares pero pouca axuda real, contante e sonante, para o sector”.

González alerta da situación crítica que atravesa o comercio de proximidade de Vigo e do conxunto de Galiza e urxe un cambio nas políticas do Goberno galego.  “Os ultimos datos falan de máis de 10 mil estabelecementos fechados a nivel galego durante o que levamos de pandemia”, advertiu, subliñando que a Covid19 “agravou a crise que xa atravesa o comercio galego desde moito antes”.

A portavoz de Comercio do BNG no Parlamento galego manifestou que  “a Xunta anuncia liñas de axuda ás que os comerciantes non poden acceder por esixir requisitos pouco realistas”.

“Demandaremos axudas directas que permitan que os recursos cheguen a quen os precisa e a posta en marcha dun plan de apoio do comercio galego que o reforce como unha actividade tractora para a economía do noso País” comprometeu González.

Outros dos aspectos que a nacionalista defende que se deben atender é a inclusión do comercio galego dentro dos fondos Next Generation así como a implementación de medidas que rebaixen o impacto dos elevadísimos custos eléctricos para o sector. “Vemos a moitos comercios afogados con facturas da luz inasumíbeis pola renuncia da Xunta do PP a demandar que Galiza, como territorio produtor e exportador de electricidade, teña unha tarifa propia e rebaixada”, reprochou.

O BNG de Vigo lanza un SOS polo pequeno comercio da cidade