O BNG de Vigo urxirá no Pleno solucións para Barreras e o antigo Vulcano
Xabier P. Igrexas: “Xunta de Galiza e Goberno español non poden continuar impasíbeis diante desta situación. É momento de decisións firmes e audaces, que garantan a continuidade da actividade e do emprego na industria naval viguesa.”
¬ PEAXE CHAPELA: A fronte nacionalista defenderá a través dun rogo no Pleno que se esixa a supresión efectiva da peaxe entre Vigo e Redondela sen impoñer o uso da telepeaxe.
O Bloque Nacionalista Galego demandará, a través dunha moción, que o Pleno do Concello de Vigo urxa a Xunta e Goberno español a despregaren medidas inmediatas para resolver a situación crítica que atravesa Barreras, reanudar a actividade no antigo Vulcano e blindar o futuro do conxunto do sector naval. A iniciativa nacionalista reclama tamén ao alcalde, Abel Caballero, que convoque unha xuntanza extraordinaria e urxente do Consello Social da cidade para articular unha resposta “en chave de cidade” fronte a situación do naval e a crise industrial que padece a cidade.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, presentou esta mañá en rolda de prensa a moción que a fronte nacionalistsa defenderá no Pleno do Concello de Vigo, na que demandan a adopción de medidas urxentes para resolver a crise do sector naval.
Igrexas subliñou a importancia “estratéxica” desta actividade como “motor industrial” e alertou da situación “absolutamente límite” que atravesa, e que inscribiu nun contexto de “agudo devalar industrial” da cidade como, segundo apuntou, demostran os datos EPA nos que se recolle que no último ano se destruíron 5700 empregos industriais na cidade.
“O sector naval de Vigo atópase nunha encrucillada na que está en risco a continuidade desta actividade imprescindíbel. As incertezas sobre o reinicio da actividade no antigo estaleiro Vulcano (na actualidade denominado estaleiro San Enrique), no barrio de Teis, así como o momento crítico que volve atravesar o estaleiro Hijos de J. Barreras, en Bouzas, comprometen o futuro do conxunto do tecido produtivo asociado á construción e reparación naval”, explicou.
O portavoz municipal nacionalista denunciou que de non dar resposta a esta situación a cidade enfronta o “risco real de ver desaparecer o naval tal e como o coñecíamos até o de agora”. “De non lograr reanudar a actividade de Vulcano así como garantir a continuidade de Barreras, o sector naval de Vigo encaixaría un golpe que pode ser letal e definitivo”, acrecentou.
Desde o Bloque critican con dureza a “total ausencia” da Xunta de Galiza mais tamén a inacción do Ministerio de Industria. “Uns por outros e o antigo Vulcano parado, e Barreras asomando ao abismo da súa liquidación”, resumiu. Emporiso, volveron urxir unha “intervención pública directa que evite o desastre”.
Para as nacionalistas a solución non pasa por seguir a inxectar recursos públicos nos petos de accionistas privados que xa demostraron a súa “total incapacidade” para poñer en marcha as enormes potencialidades de Barreras, senón por desprivatizar o estaleiro e poñelo baixo dirección pública.
Propostas
A moción que se debaterá no Pleno deste mércores recolle unha serie de propostas concretas encamiñadas a dar resposta á grave crise do sector naval vigués. Así, as nacionalistas, defenden que Xunta de Galiza e Goberno español, no exercicio das súas competencias e de maneira coordinada, teñen que despregar medidas concretas para garantir a continuidade de Barreras e a reanudación da actividade en Vulcano.
Demandan tamén que ambos os dous executivos promovan, desde a intervención pública, a conformación dun holding, público-privado, entre os distintos estaleiros e empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal na Ría de Vigo, para estabelecer sinerxías que permitan o desenvolvemento de proxectos, procesos e investimentos comúns. Aliás, defenden a creación dunha Mesa do Naval para a Ría de Vigo, coa participación do executivo central, da Xunta de Galiza, así como das organizacións sindicais e empresariais máis representativas para buscar solucións efectivas que blinden a continuidade do sector.
Por outra parte, o BNG defenderá que o Concello inste de maneira explicita a Autoridade Portuaria a que os pregos para a nova concesión portuaria nos terreos do antigo Vulcano condicionen esta ao desenvolvemento dun proxecto industrial de construción e/ou reparación naval.
“Xunta de Galiza e Goberno español non poden continuar impasíbeis diante desta situación. É momento de decisións firmes e audaces, que garantan a continuidade da actividade e do emprego na industria naval viguesa”, argumentan.
Consello Social da Cidade
Pérez Igrexas considera “incomprensíbel” a inacción institucional do Goberno municipal de Vigo perante a grave situación do sector naval e a crise industrial. “ O BNG defendemos que é necesario despregar unha resposta conxunta en chave de cidade, liderada polo propio Concello de Vigo pero sumando esforzos e vontades, como a ofrecida durante a crise do tax lease na altura de 2011”, explica.
Con ese propósito na súa moción demandan ao rexedor que convoque de maneira “extraordinaria e urxente” unha xuntanza do Consello Social da Cidade para abordar a situación do sector naval e a crise industrial que atravesa Vigo, e para definir de maneira conxunta e participativa, coas institucións, entidades e organizacións máis representativas unha folla de ruta para despregar unha resposta en chave de cidade perante esta situación.
_SUPRESIÓN EFECTIVA DA PEAXE DE RANDE
O BNG levará tamén ao Pleno, a través dun rogo, a esixencia de que o Goberno español aplique unha “supresión efectiva” da peaxe entre Vigo e Redondela, sen esixir a utilización de telepeaxe por parte das persoas usuarias.
“Non hai ningunha xustificación técnica nin xurídica que obrigue a aplicar ese sistema que convirte o que se prometeu como supresión nunha bonificación limitada e que o único que pretende é dificultar que a veciñanza deixe de pagar peaxe”, explicou Igrexas.
O edil nacionalista reclamou que se aplique en Chapela o mesmo sistema que se empregou para suprimir outros treitos de peaxe. “Que quiten as cabinas e deixen de enlear”, sentenzou.