O BNG urxe a intervención da Xunta para garantir o emprego e a carga de traballo no estaleiro vigués Metalships
A fronte nacionalista rexistra iniciativas no Parlamento galego para esixir que o Goberno de Rueda se implique nunha solución para o estaleiro vigués, inmerso nunha folga polo despedimento de 30 traballadores e pola ausencia de actividade produtiva
Carmela González: “A falta de compromiso e plans industriais do Estado Español e da Xunta de Galiza puxeron nun serio risco un sector estratéxico para Vigo e a súa área”
Xabier P. Igrexas: “Temos que impedir que a concesión portuaria de Metalships sexa utilizada como mercadoría coa que especular por parte dos actuais propietarios privados”
O Bloque Nacionalista Galego urxe a intervención da Xunta de Galiza para garantir o emprego a e carga de traballo no estaleiro vigués Metalships. Así o reclamaron a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, tras manter este venres unha xuntanza con representantes do Comité de Empresa para abordar a situación no quinto día de folga.
González e Igrexas trasladaron o “total e absoluto” apoio do BNG ás traballadoras e traballadores, mobilizados fronte ao despedimento dunha trintena de persoas (7 nos últimos días) e fronte á represión sindical contra varios membros do Comité despedidos. Un apoio que, dende a fronte nacionalista, aseguran que se inscribe no “compromiso firme” do BNG en favor da actividade industrial e do futuro do sector naval “estratéxico” para Vigo e a súa área.
Así, a deputada nacionalista avanzou que o Bloque vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para que o Goberno de Rueda adopte as medidas precisas para garantir a carga e os postos de traballo en Metalships, así como no estaleiro San Enrique (antigo Vulcano) en situación de “coma produtivo”.
González esixiu ao Goberno galego que “exerza as súas competencias en materia industrial e deixe de ollar para outro lado” diante da situación “agónica” do sector naval vigués. Así mesmo, reiterou a necesidade de poñer en marcha un plan que asegure un horizonte de estabilidade no sector naval, nun “serio risco” pola falla de compromisos tanto da Administración galega como do Estado Español.
Vigo necesita un naval potente
Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG asegurou que o futuro de Vigo só pode ser industrial. “E nese futuro necesitamos dun naval potente, non podemos permitir que sigan afundindo este sector chave para a economía da nosa cidade, da nosa comarca e do conxunto do noso País”, subliñou, de vez que alertou que dende a chegada do PP ao Goberno galego no ano 2009, o naval vigués viu como se destruían 10 mil postos de traballo.
Igrexas advertiu ademais de que a actual concesión en terreos portuarios do estaleiro Metalships non pode ser utilizada unicamente como “mercadoría coa que especular” por parte dos actuais propietarios privados. Sobre estes últimos, asegurou que a situación “límite” do estaleiro, con perdas millonarias e unha actividade reducida a escasos encargos de reparación naval, é unha “nova evidencia da incapacidade do empresariado privado” á hora de desenvolver as enormes potencialidades produtivas e económicas dun sector naval en Vigo que é “punteiro” a nivel internacional polo que demandou unha “decidida intervención pública”.
Por parte do Comité de Empresa, o seu presidente José Fernández Vila manifestou o agradecemento á iniciativa do BNG para buscar unha saída á problemática do sector, en particular do estaleiro Metalships. Esixiu así que todas as Administracións con competencias tomen a iniciativa para dar unha resposta ao sector tras anos de “pasotismo” que derivaron nunha continua perda de carga e postos de traballo.