O pleno rexeita derrubar a cruz do Castro coa abstención do PSOE e a oposición do PP
O pleno da corporación viguesa rexeitou a proposta defendida polo BNG de cumprir Lei de Memoria Histórica eliminando a cruz do Castro, entre outros aspectos, cos votos en contra do PP e a abstención do PSOE. Segundo salientou a portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, estas reivindicacións son unha cuestión de xustiza.
A moción presentada polo BNG tamén reclamaba unha revisión exhaustiva do rueiro de Vigo, de forma que se eliminen os nomes de personaxes que directamente foron representantes e colaboradores da ditadura franquista e verdugos de centos de republicanos e republicanas na nosa cidade e se renomeen cos nomes de persoas republicanas loitadoras.
Ademais de pedir a colocación dun panel municipal próximo aos restos do capitán Carreró, que indique que este foi un criminal fascista responsábel do asasinato de miles de cidadáns e cidadás de Vigo, o documento tamén reclamaba a adhesión e o apoio ao xuízo que se desenvolve na Arxentina contra os delitos de xenocidio cometidos pola ditadura franquista.
Todas estas reivindicacións son unha cuestión de xustiza, que nos ten que facer asumir a nosa historia, subliñou Iolanda Veloso, quen rexeitou a proposta planteada polo grupo socialista de votar os diferentes puntos por separado.
Reescribir a historia
A portavoz municipal do BNG salientou asemade a necesidade de cumprir a Lei de Memoria Histórica, aínda que a considerou tépeda ao permitir reescribir a historia. A responsable nacionalista referiuse así ao acordo tomado en 1981 polo que se decidiu que a denominada cruz dos caídos, inagurada por Franco en 1961, representara a todos os caídos na guerra civil e eixo da argumentación esgrimida tanto por populares como por socialistas. Calquera acordo posterior á inauguración é reescribir a historia, asegurou.
Fronte a isto, Iolanda Veloso defendeu a necesidade de que as actuais autoridades democráticas realicen un desagravio e reparación, dando cumprimento á Lei de Memoria Histórca e retirando os vestixios que quedan na nosa cidade do franquismo, máis de cinco anos despois da aprobación desa lei.