O pleno rexeita a proposta do BNG de dedicar a uso social os pisos municipais de República Arxentina

O pleno rexeita a proposta do BNG de dedicar a uso social os pisos municipais de República Arxentina

Iolanda Veloso denuncia que o pacto PP-PSOE impide que as persoas desafiuzadas poidan contar cos pisos de titularidade municipal do centro da cidade

O

Vigo, 31 de marzo de 2014.- Cos votos do PSOE e o PP, o pleno vigués rexeitou a moción defendida polo Bloque para destinar a uso social as 40 vivendas de titularidade municipal ubicadas na rúa República Arxentina. Na súa intervención, a portavoz nacionalista Iolanda Veloso subliñou o oposición do BNG a que o Concello de Vigo se desfaga das vivendas municipais.

A portavoz municipal do BNG criticou que o alcalde “se converta en promotor inmobiliario, en lugar de en lugar de dar resposta ás necesidades de vivenda das persoas desafiuzadas”. Neste sentido, lembrou que no 2013 houbo 530 desafiuzamentos, o dobre que en 2008, cando comezou a crise e denunciou a “incapacidade política” do alcalde para resolver os problemas de moitas persoas.

Iolanda Veloso tamén recordou que o Bloque preguntou en diversas ocasións polo uso desas vivendas e que nunha ocasión a resposta do goberno foi que o proxecto estaba en estudo e noutra que pasarían a disposición dos viguesas e viguesas. Porén, na xerencia de urbanismo do día 7 deste mes, PP e PSOE acordaron a venda destas vivendas co rexeitamento do BNG.

Consecuencias do pacto PP-PSOE

“Que haxa un pacto entre PP e PSOE fai que as persoas desafiuzadas non teñan a posibilidade de contar con estes pisos”, denunciou a voceira nacionalista, quen recriminou aos populares pola súa demanda de información sobre estas vivendas no pasado mes de outubro mentres agora están de acordo con que se vendan.

En resposta á airada reacción do grupo socialista Iolanda Veloso criticou que a vostedes “moléstalles que o BNG denuncie as consecuencias do pacto PP-PSOE e por iso nos mandan calar, entrando incluso no terreo persoal e demostrando que non teñen argumentos”.

Emendas

Por outro lado, o BNG presentou unha emenda á moción do PSOE que instaba ao goberno do Estado desestimar as propostas da lei de demarcación e planta xudicial e da lei orgánica do poder xudicial. Neste sentido, o Bloque engadiu reclamar ao Ministerio de Xustiza manter o partido xudicial de Vigo, proposta que foi aceptada e aprobada por unanimidade.

Por outro lado, o grupo nacionalista propuxo facer unha engádega a outra das mocións socialistas, neste caso que instaba ao Ministerio de Fomento á creación dunha comisión de seguimento das obras do AVE. A proposta do BNG, que reclamaba ao goberno municipal a creación dunha comisión de seguimento das obras que realice o propio Concello para garantir o cumprimento do convenio colectivo provincial da Construción, foi rexeitada polo grupo socialista.

 

O pleno rexeita a proposta do BNG de dedicar a uso social os pisos municipais de República Arxentina