Xabier P. Igrexas: “As 8.461 viguesas e vigueses que votaron BNG elixiron un concelleiro, non un terzo de concelleiro”.
- O concelleiro comunicou formalmente esta mañá a constitución do Grupo Municipal do BNG no Concello de Vigo, do que será único membro e portavoz.
- A fronte nacionalista rexeita a pretensión do PSOE de “emparedar” a dúas candidaturas diferenciadas nun Grupo Mixto por ser unha interpretación contraria a Dereito e un “atropleo antidemocrático”.
O concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas, comunicou esta mañá a través dun escrito dirixido ao Alcalde, a constitución do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Vigo, do que será o seu único membro e portavoz. A decisión esta fundamentada legalmente ao abeiro do artigo 73.3 da Lei de Bases de Rexime Local que polo principio de xerarquía normativa prevalece sobre o previsto no Regulamento Orgánico do Pleno do propio Concello.
“As eleccións municipais do pasado 26 de maio configuraron un Pleno da Corporación Municipal, máis plural, co regreso do BNG, pasando de 3 a 4 as forzas políticas con representación”, explicou Igrexas nunha rolda de prensa decorrida esta mañá na Casa do Concello. “Se as viguesas e os vigueses quixeron máis pluralidade, o Pleno non poderá ter menos voces. Polo tanto esa pluralidade terá que traducirse tamén na configuración do propio Pleno e, singularmente, na súa organización en diferentes grupos municipais”, explicou.
Amparo legal
A decisión do BNG axústase ao previsto na Lei de Bases de Réxime Local que no seu artigo 73.3 establece que os grupos políticos municipais constitúense polos concelleiros e concelleiras que pertencen ao grupo político co que se presentaran as eleccións, con independencia do seu número de asentos no Pleno. “No meu caso, corresponde, polo tanto que integre o Grupo Municipal do BNG”, acrecentou o edil nacionalista.
Igrexas salientou que ao tratarse dunha lei de carácter básico, en aplicación do principio xurídico de xerarquía normativa, esta prevalece tanto sobre a Lei de Administración Local de Galiza como do propio Regulamento Orgánico do Pleno do Concello de Vigo, facendo inaplicábeis e sen eficacia xurídica os artigos 21.1 e 21.2 do mesmo, nos que se recolle a exixencia de 3 actas para conformar grupo municipal.
O Bloque rexeita desta maneira a “hipótese” formulada por parte do Grupo de Goberno de se encadrar xunto aos 2 edís de Marea de Vigo nun Grupo Mixto. A este respeito, o concelleiro defendeu que ademais de ser unha aplicación contraria a Dereito, suporía un atropelo antidemocrático. “A pretensión de emparedar a 3 edís de 2 candidaturas diferencias nun grupo mixto, conculcaría os dereitos que representantes electos nos corresponden”, advertiu Igrexas.
Atendendo a actual composición da Corporación Municipal e o carácter “ultrarrestritivo” do vixente Regulamento Orgánico do Pleno, o encadramento do único concelleiro do BNG nese pretendido Grupo Mixto “suporía inviabilizar o exercicio pleno e efectivos dos dereitos que como concelleiro me corresponden”. Neste sentido, Igrexas explicou que o articulado do ROP non garante que nesa situación poida intervir en todos os asuntos a debate na orde do día dos plenos, xa que mandata que só haberá unha intervención dun concelleiro ou concelleira por cada “grupo municipal”. Tampouco tería garantido o seu dereito a promover iniciativas políticas, ao lle corresponder a ese hipotético grupo mixto unha moción, un rogo e unha pregunta por cada sesión plenaria. “A unicidade non se pode distribuír. Non se pode fraccionar unha moción, un rogo ou unha pregunta”, remachou. Aliás, vería negada a súa capacidade para fiscalizar a acción do Goberno local, no referido á integración nas Comisións informativas do propio Pleno.
Por todo iso, Igrexas enfatizou que a pretensión de negar o dereito de BNG e Marea de Vigo de contaren con grupo propio só persigue “conculcar dereitos de cargos electos e socavaría a pluralidade política, resultante do mandato electoral da cidadanía, e mesmo o principio democrático de representatividade”. “As 8.461 viguesas e vigueses que votaron BNG elixiron un concelleiro, non un terzo de concelleiro. A vontade libre e democrática das case 8.500 persoas que representa a miña acta merece ser respeitada”, reclamou o portavoz nacionalista.
Desde o Bloque xulgan “inaceptábel” que o PSOE “desde unha posición de abuso pretenda adulterar o resultado electoral” impedindo que millares de viguesas e vigueses conten cun representante con plenos dereitos e capacidades. O que constitúe para as nacionalistas unha cuestión de “mínimos democráticos” irrenunciábeis e un “rubicón que ninguén se debera atrever a cruzar”.
Medo do PSOE
Igrexas puxo o foco na motivación política que está detrás do intento do grupo de Goberno de negar os seus dereitos como concelleiro. “A pregunta que compre facer é: que motiva a un grupo cunha maioría ‘absolutísima’ de 20 concelleiros e concelleiras a querer laminar de maneira antidemocrática a representantes de forzas da oposición. Ou, de maneira máis resumida, a que lle ten medo Abel Caballero? Por que quere impedir que o BNG poidamos expresar as nosas posicións, con voz propia, no Pleno, participar de Comisións Informativas ou promover mocións, rogos ou preguntas? Que teme?”, preguntouse o concelleiro nacionalista. “Claramente o que teme é que as viguesas e vigueses teñan a posibilidade de coñecer a alternativa en positivo, centrada nas necesidades reais da cidade que representa o BNG fronte a súa política oca que se limita a propaganda e actuacións superficiais”.
Insistindo na idea de que “ningunha maioría absoluta é un cheque en branco nin un dereito de pernada para esmagar as minorías”, cominou a Caballero a escoller se quere ser coñecido como “o alcalde máis votado ou como o alcalde máis antidemocrático”. “Silenciar a oposición porá a Caballero do lado do rodete que aplica o PP de Feixóo no Parlamento de Galiza. Se cadra é porque se parecen máis do que queren recoñecer”, ironizou.
O concelleiro lanzou unha advertencia “con absoluta firmeza” ao alcalde e ao grupo de Goberno afirmando que “nin convertendo o Pleno nun tanatorio silente, van lograr amordazar o BNG. Nin nos van facer desistir do noso compromiso en aportar de maneira construtiva ideas, propostas e alternativas en positivo para atender as necesidades das viguesas e dos vigueses”. Igrexas concluíu insistindo na idea que xa formulou na súa intervención no Pleno de Constitución na que defendeu que “a tarefa colectiva e colexiada que ten o conxunto da Corporación Municipal é a de definir que cidade queremos construír. Non só para as 100 mol persoas que votaron PSOE, nin para as 8500 que me fixeron concelleiro, senón para as case 300 mil viguesas e vigueses”.
“Esa vai ser a idea que oriente a miña labor como portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego”, remachou.