DENDE O BNG OPTAMOS POR SOLUCIÓNS SOSTIBLES, ECOLÓXICAS E CONTRASTADAS PARA O ABASTECEMENTO.
O BNG urxe á creación dun plan municipal de xestión eficiente da auga
É prioritario mellorar a rede de abastecemento de auga eoptimizar os recursos hídricos existentes na cidade.
Ante a situación de falla de auga nos encoros de Zamáns e Eiras por mor da seca extrema que estamos a padecer, dende o BNG optamos por solucións sostibles, ecolóxicas e contrastadas para o abastecemento.
O que aquí se está a dar non é un debate de xestión da seca, se fose ese o problema teríase dado como pouco dende o ano 2011. A verdadeira intención é a de impoñer un modelo antiecolóxico, insolidario e irresponsable para o abastecemento dos concellos.
Cando dende a Xunta se fala da urxencia do trasvase do Verduxo non están máis que a constatar a irresponsabilidade da súa xestión hidrográfica. Eiras leva anos reducindo os seus niveis por mor dunha política hidrográfica do PP nefasta. Hoxe por hoxe Eiras ten abastecemento para algo máis dun mes e o trasvase realizaríase no mellor dos casos en 3 ou 4 meses, co cal esta obra non serviría para o problema de abastecemento inmediato. Ademais as choivas previstas para estes días apenas servirán para paliar a situación de falta de auga nos encoros de Eiras e Zamáns.
No caso do concello de Vigo a actuación do Goberno municipal na xestión da seca chega moi tarde, pois ata fai ben pouco despilfarrábase auga potable en actividades como, por exemplo, baldeamentos de rúas. Por outro lado, a falla de inversión durante anos, tanto da Xunta como do concello de Vigo, na mellora da rede de abastecemento de auga, co fin de paliar os graves problemas de perdas que presenta (en torno a un 30%), levou a que a dia de hoxe dispoñamos dunha planta potabilizadora como é a ETAP do Casal moi limitada e que precisa dunha urxente ampliación e modernización.
Para o responsábel local do BNG en Vigo, Serafín Otero “é fundamental dispor dun plan municipal de xestión eficiente da auga que, a maiores de políticas de aforro, contemple a mellora da rede de abastecemento de augas do noso concello e a optimización da xestión dos recursos hídricos existentes na propia cidade”.
No BNG de Vigo acreditamos que esta seca ben demostra que a auga é un ben escaso e que esixe un uso racional da mesma. Cómpre pois abrir un debate rigoroso sobre a xestión hidrográfica. Un debate no que se poñan todas as alternativas enriba da mesa mais que se faga con análises serias que contemplen propostas reais e sostibles para a xestión da auga, mesmo a posibilidade dunha xestión 100% pública do abastecemento e saneamento.