O BNG acusa a Xunta de abandonar Vulcano e reclama a intervención pública para manter a actividade e o emprego

Xuntanza co Comité empresa de Vulcano
Xuntanza co Comité empresa de Vulcano

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, e o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, mantiveron un novo encontro co Comité de Empresa.

A fronte nacionalista promoverá unha batería de iniciativas na cámara galega para urxir un compromiso real fronte as “promesas incumpridas” do IGAPE.

O BNG acusa a Xunta de abandonar Vulcano e reclama a intervención pública para manter a actividade e o emprego

O BNG mantivo esta mañá unha nova xuntanza co Comité de Empresa de Vulcano, para abordaren conxuntamente a situación límite que atravesa o estaleiro sob o que paira a ameaza da súa desaparición. No encontro, no que participaron o portavoz municipal do  Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas e mais o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, a formación nacionalista anunciou que promoveran unha nova batería de iniciativas na cámara galega e demandarán que o Concello de  Vigo se posicione de maneira clara a prol do mantemento da actividade.

Ao remate da Xunta, Igrexas denunciou que “a falla de política industrial da Xunta do Partido Popular está condenando á desertización industrial a cidade e mais á comarca de Vigo, poñendo en xaque unha actividade estratéxica e fundamental como é a construción naval”. Unha actividade na que a nosa comarca, apuntou, “ten sido potencia e temos todas as condicións para volver selo e o único que se require é de compromiso político da Xunta”. O edil nacionalista advertiu da necesidade urxente de que o Goberno galego actúe. “Todo apunta a que se non se toman decisións de inmediato e de urxencia o estaleiro estará abocado ao feche, e unha empresa centenaria como Vulcano desaparecerá”, sinalou.

Abandono da Xunta

Tanto Igrexas como Bará coincidiron en denunciar o desleixo da Xunta do Partido Popular diante da situación límite que atravesa o estaleiro vigués. “O único que se lle ofreceu aos traballadores pola Consellaría e polo IGAPE foron promesas incumpridas. Despois de que os traballadores puxeran todo da súa parte para facer viábel a entrega do ferry agora están totalmente abandonados por parte da Xunta”, resumiu Igrexas.

Pola súa banda o deputado nacionalista lamentou que “cando debiamos estar celebrando o centenario de Vulcano o que estamos é vivindo un funeral, un intento de enterro do que foi un dos grande emblemas da construción naval en Vigo”. “A Xunta de Galiza chantaxeou os traballadores pedíndolles ese esforzo de traballar 6 meses sen  cobrar para salvar a entrega do ferry e despois deixounos totalmente colgados incumprindo as súas promesas”, remachou Bará.

Iniciativas

O Bloque anunciou que promoverán unha nova batería de iniciativas no Parlamento de Galiza para que a Xunta dea explicacións do seu papel neste proceso e para que se implique de verdade na busca de solucións. A este respeito, o deputado nacionalista defendeu que “neste punto a única saída pasa pola intervención pública directa da Xunta para salvar este proxecto, que é fundamental para  a industria viguesa e do naval galego”, aludindo á proposta feita xa hai varios meses polo propio BNG de converter Vulcano nun estaleiro público ou semipúblico sobre o que poñer en marcha o tan demandado centro de reparacións navais da Ría de Vigo.

Aliás, Igrexas anunciou publicamente que a nivel municipal promoverán que “o Concello de Vigo se posicione de maneira clara polo noso dereito a producir, defendendo o emprego e a continuidade de que neste estaleiro se sigan a construír ou reparar barcos no futuro”.