CORONAVIRUS

O BNG alerta da sobrecarga das ambulancias do 061 na cidade de Vigo

bng 20

As mesmas dotacións teñen que executar o duplo de servizos o que compromete a rapidez na resposta en procesos como infartos ou ictus. 

A fronte nacionalista critica que diante da crise da Covid19 non se reforzase o servizo de transporte sanitario de emerxencias que xa era insuficiente en condicións normais. 

O BNG alerta da sobrecarga das ambulancias do 061 na cidade de Vigo

 

VIGO, 14 de abril de 2020.- O Bloque Nacionalista Galego alertou hoxe da situación de sobrecarga que atravesan as ambulancias do 061 na cidade de Vigo. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, explicou que as dotacións que xa eran de partida insuficientes para atender a poboación da principal cidade galega non foron debidamente reforzadas diante da crise sanitaria da Covid 19. 

Igrexas expresou a súa preocupación polas consecuencias que a insuficiencias de medios para a atención de emerxencias sanitarias poida ter. Nese sentido, puxo o foco en que o feito de que as mesmas ambulancias teñan visto duplicada a súa carga de servizos por causa do coronavirus, estaría a comprometer a debida rapidez na asistencia de patoloxías graves e tempo-dependentes como son os infartos ou ictus.  

“Sen máis medios, estanse alargando perigosamente os tempos de resposta para atender problemas nos que a rapidez é clave. Nesta situación hai pacientes que están a achegarse aos centros hospitalarios co seus propios medios ou chegan máis tarde do que se debera” alertou o portavoz municipal nacionalista. 

Na cidade de Vigo continúan operando 6 ambulancias de soporte vital básico de día e outras 3 de noite xunto a ambulancia de enfermería, á que se engade unha única ambulancia de soporte vital avanzado as 24h para toda a cidade. Uns medios que segundo puido constatar Igrexas con representantes sindicais do sector resultan claramente insuficientes, polo que instan ao seu aumento. 
 

O BNG alerta da sobrecarga das ambulancias do 061 na cidade de Vigo