O BNG critica o novo “castigo” da Xunta do PP con Vigo rexeitando 127 millóns máis en recursos para a cidade

O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, comparece en rolda de prensa acompañado polas deputadas Alexandra Fernández, Montse Prado e Carmela Gonzalez nunha imaxe de arquivo
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, comparece en rolda de prensa acompañado polas deputadas Alexandra Fernández, Montse Prado e Carmela Gonzalez (imaxe de arquivo)

Lamenta que o Goberno de Alfonso Rueda tombara as 41 emendas nacionalistas aos Orzamentos da Xunta de 2024 con medidas para reactivar a potencia produtiva e laboral de Vigo, blindar o futuro industrial, alargar os servizos públicos, poñer fin á privatización e recortes na sanidade, responder ao problema da vivenda, atender déficits en infraestruturas e actuar fronte á emerxencia climática

Xabier P. Igrexas: “O castigo a Vigo ten como data de caducidade o día das vindeiras eleccións galegas, nas que as viguesas e vigueses seremos a forza determinante para o cambio en Galiza cun Goberno presidido por Ana Pontón como grande aliado da cidade”

O BNG critica o novo “castigo” da Xunta do PP con Vigo rexeitando 127 millóns máis en recursos para a cidade

O Bloque Nacionalista Galego critica o novo “castigo” da Xunta de Galiza con Vigo após rexeitar este martes un incremento de 127 millóns de euros (un 65% máis) nos Orzamentos galegos para o vindeiro ano 2024. Lamenta a negativa do Goberno galego ás 41 emendas da fronte nacionalista, que incluían medidas para reactivar a potencia produtiva e laboral de Vigo, blindar o futuro industrial, alargar os servizos públicos, poñer fin á privatización e recortes na sanidade, responder ao problema da vivenda, atender déficits en infraestruturas e actuar fronte á emerxencia climática.

“O PP de Marta Fernández-Tapias e Alfonso Rueda dixo 41 veces que non a atender as necesidades das 300 mil galegas e galegos que vivimos en Vigo”, cuestionou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que cifrou en máis de 500 millóns a política de “total abandono” do PP coa cidade nesta lexislatura.

Porén, o voceiro nacionalista salientou que “o castigo a Vigo ten data de caducidade”, en relación á próxima convocatoria das eleccións galegas. “Estes van ser os derradeiros orzamentos do abandono a Vigo, as viguesas e vigueses seremos a forza determinante que vai facer realidade o cambio en Galiza cun Goberno presidido por Ana Pontón que será un grande aliado da nosa cidade”, destacou Igrexas.

Alternativas rexeitadas polo PP para Vigo

Entre as emendas rexeitadas polo PP no Parlamento galego, dende o BNG afearon o voto contrario a despregar un Plan Comarcal de Reindustrialización, crear un Centro de Reparacións do Naval e poñer en marcha un Centro Metropolitano de Impulso Tecnolóxico, malia a “desertización produtiva que padece Vigo” con 6.100 empregos industriais menos a chegada do PP á Xunta en 2009.

O grupo popular tombou ademais as partidas para rescatar a concesión privatizada do Hospital Álvaro Cunqueiro e absorber o centro Povisa na rede pública. E tamén para a creación de cinco novas escolas infantís en diferentes barrios, construír unha residencia de maiores en Coia e iniciar a de Teis, así como dotar Vigo dun parque público de vivendas en réxime de alugueiro e de inmóbeis para situacións de emerxencia social.

No capítulo de infraestruturas, a fronte nacionalista afeou que un ano máis continúen sen atender débedas históricas como a prolongación do túnel de Beiramar e a construción en Xulián Estévez, a ampliación e mellora dos accesos do IFEVI, o avance do Campus do Mar na ETEA e a liña de bus directa a Peinador como existen no resto de aeroportos galegos.

Na mesma liña, o PP de Alfonso Rueda e Marta Fernández-Tapias dixo non a financiar a esperada reforma das pistas de atletismo de Balaídos, a ampliar o Centro de Información ás Mulleres ou á demandada implantación das gardas de 24 horas nos xulgados de Vigo.

O BNG critica o novo “castigo” da Xunta do PP con Vigo rexeitando 127 millóns máis en recursos para a cidade