O BNG emenda os orzamentos “á desesperada” da Xunta para incrementar nun 65% o investimento en Vigo en 2024

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, e as deputadas no Parlamento galego, Carmela González e Alexandra Fernández
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, e as deputadas no Parlamento galego, Carmela González e Alexandra Fernández

A fronte nacionalista formula 41 emendas para reverter o “abandono” do PP coa maior cidade galega sumando 127 millóns ao proxecto de contas do Goberno de Rueda

Medidas para reactivar a potencia produtiva e laboral de Vigo, blindar o futuro industrial, alargar os servizos públicos, poñer fin á privatización e recortes na sanidade, responder ao problema de acceso á vivenda, atender déficits en infraestruturas e actuar fronte á emerxencia climática

O BNG emenda os orzamentos “á desesperada” da Xunta para incrementar nun 65% o investimento en Vigo en 2024

O Bloque Nacionalista Galego emenda os orzamentos “á desesperada” da Xunta de Galiza para incrementar nun 65% o investimento en Vigo no ano 2024. A fronte nacionalista vén de presentar este venres un total de 41 emendas para reverter o “castigo e o abandono” coa maior cidade galega por parte do PP, sumando 127 millóns de euros ao proxecto de contas.

Uns presupostos que o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, e as deputadas no Parlamento galego, Carmela González e Alexandra Fernández, valoraron en rolda de prensa como “fume preelectoral”, con partidas e anuncios “artificiosos e vistosos que intentan xustificar promesas á desesperada” dun Goberno de Alfonso Rueda que está “no tempo de desconto”.

As emendas nacionalistas conteñen unha batería de medidas e proxectos para reactivar a potencia produtiva e laboral de Vigo, blindar o futuro industrial, alargar os servizos públicos, poñer fin á privatización e recortes na sanidade, responder ao problema de acceso á vivenda, atender déficits históricos en infraestruturas e actuar fronte á emerxencia climática.

“Estas 41 emendas o que perseguen é que os orzamentos de 2024 permitan desenvolver desde o minuto 1 as políticas transformadoras do futuro novo Goberno galego que, liderado polo BNG con Ana Pontón como presidenta, será un verdadeiro aliado da cidade de Vigo”, defenderon os cargos nacionalistas.

Fronte á desertización industrial e produtiva

Dende o Bloque defenderon a necesidade de actuar dende o Goberno galego para frear a “desertización produtiva” de Vigo, que perdeu 6.100 empregos industriais dende a chegada do PP hai 14 anos, cun sector naval nunha situación “límite”, coa automoción baixo a “ameaza permanente” da deslocalización e coa pesca en “serias dificultades”. Así, propoñen despregar un Plan Comarcal de Reindustrialización, crear un Centro de Reparacións do Naval e poñer en marcha un Centro Metropolitano de Impulso Tecnolóxico.

Rescate do Álvaro Cunqueiro e absorción de Povisa

Outra das áreas destacadas das alternativas do BNG pasan por reverter os recortes e poñer fin á privatización da sanidade pública por parte do Executivo de Rueda. Nesa liña, apostan polo rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro e a absorción de Povisa na rede do Sergas para deixar de destinar cada ano 170 millóns aos “petos das empresas amigas do PP que fan negocio coa saúde das viguesas e vigueses”. Aliás, piden unha partida para crear dous novos Puntos de Atención Continuada (PAC) en Navia-Coia e Teis fronte ao “colapso” que padece a Atención Primaria na cidade.

Vivenda e servizos públicos

Fronte a un dos principais problemas sociais na cidade como a vivenda, dende Bloque afearon a “nula” política da Xunta nesta materia durante máis dunha década. Nese sentido, consideran urxente despregar dunha vez un parque público de vivenda en réxime de alugueiro e unha bolsa de inmóbeis para emerxencia social. En canto a servizos públicos, propoñen construír novas escolas infantís nas Travesas, Balaídos, Navia, Casco Vello e Travesía de Vigo e unha residencia de maiores no barrio de Coia. Outra das prioridades pasa por avanzar no prometido instituto para Navia, ademais de maiores recursos para o mantemento dos colexios públicos e para os comedores escolares xestionados por Foanpas. No ámbito cultural, destacan a ampliación da ESAD e a mellora da rede de museos.

Débedas históricas

No relativo a infraestruturas e mobilidade, a fronte nacionalista insiste nas “débedas históricas” do Goberno galego con Vigo, entre elas a necesidade de incrementar os investimentos para prolongar o túnel de Beiramar e construír o túnel de Xulián Estévez; a conexión ferroviaria coa terminal de Bouzas; a ampliación do Ifevi e a mellora dos seus accesos; a posta en marcha dun autobús exprés ao aeroporto de Peinador, o reforzo do transporte marítimo e as conexións coa Universidade de Vigo e o Hospital Álvaro Cunqueiro; o desenvolvemento do Campus do Mar na ETEA; así como a reforma da antiga estación de buses para usos sociocomunitarios. Tamén en materia de medio ambiente, as nacionalistas demandan máis recursos para a rexeneración integral da Ría de Vigo e un plan integral de recuperación dos montes e prevención de lumes.

Outras cuestións pendentes para o Bloque no proxecto de orzamentos pasan pola implementación das gardas xudiciais de 24 horas, a reforma das pistas de atletismo de Balaídos, a ampliación do Centro de Información á Muller e a mellora do Punto de Encontro Familiar.

CONSULTA TODAS AS EMENDAS

O BNG emenda os orzamentos “á desesperada” da Xunta para incrementar nun 65% o investimento en Vigo en 2024