O BNG retrata no Pleno de Vigo a falla de xestión de Caballero por deixar 112 millóns sen gastar en 2023

O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, xunto a concelleira Ana Martínez e o concelleiro Filipe Abalde no Pleno de Vigo [Arquivo]
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, xunto a concelleira Ana Martínez e o concelleiro Filipe Abalde no Pleno de Vig

A fronte nacionalista afea a continuada inexecución dos orzamentos do Concello por parte do Goberno local, que promete e anuncia as mesmas actuacións exercicio tras exercicio

Lamenta o voto en contra do grupo socialista ás 15 medidas propostas polo Bloque para destinar 100 millóns dos remanentes a atender as necesidades reais da cidade

Xabier P. Igrexas: “Non é aforro nin eficencia, falamos de 112 millóns de euros das viguesas e vigueses en promesas incumpridas que non retornan en forma de servizos”

¬ Critica o sectarismo do PSOE por impedir o debate dunha moción de urxencia polas represalias do PP na Deputación contra catro relatoras que apoiaron o BNG este 18F

O BNG retrata no Pleno de Vigo a falla de xestión de Caballero por deixar 112 millóns sen gastar en 2023

O Bloque Nacionalista Galego vén de retratar este luns no Pleno de Vigo a falla de xestión do Goberno de Abel Caballero. Fíxoo o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, durante o debate sobre a conta xeral do Concello no que criticou a continuada inexecución dos orzamentos municipais que, este pasado ano 2023, acadou os 112 millóns de euros sen gastar.

“Gobernan en diferido, son o Goberno do 'vuelva usted mañana', de prometer e non facer, de anunciar e non executar”, cuestionou Igrexas sobre as contas de Abel Caballero, asegurando que estas cantidades non son “aforro nin eficencia” senón a constatación da falla de xestión do Goberno municipal. “Falamos de 112 millóns de euros de promesas incumpridas, de necesidades desatendidas, 112 millóns de euros das viguesas e vigueses que non retornan en forma de servizos”, reprochou.

Nese sentido, detallou algunhas das principais partidas que o Goberno local deixou sen executar. No referido ao capítulo de persoal, Igrexas criticou que quedaran sen gastar 15 millóns por causa de ter 344 prazas de persoal municipal sen adxudicar. “Prazas que substitúen con privatizacións nun Concello no que a día de hoxe xa se destinan 2 de cada 3 euros a empresas privadas que xestionan servizos municipais”, denunciou.

De igual xeito, o portavoz municipal do BNG subliñou como no capítulo de investimentos quedaron sen executar, un ano máis, o 56% dos recursos. “Hai 13 proxectos de humanización, o seu grande emblema, para os que durante todo o ano 2023 non se gastou nin un só euro”, afirmou, lembrando actuacións que ano tras ano se repiten nas contas do Concello como a praza de San Mauro, o aparcamento de Matamá, a humanización da rúa San Roque ou a mil veces prometida Avenida de Madrid.

No capítulo social, Igrexas lamentou que quedaran sen gastar 140 mil euros da partida de fondos de emerxencia para familias, que fora xa recortada nun 22% para o exercicio 2023,  malia o grave contexto de crise na cidade. No mesmo sentido, cualificou de “ridículo” o orzamento para o Plan Municipal de Emprego, dos que apenas se executaron a metade dos 1,2 millóns previstos, mentres que no caso do plan de Emprego Xuvenil non se gastou nin un só euro o pasado ano.

“A maior cidade de Galiza non se goberna dende o plató de Risto Mejide”, ironizou o voceiro nacionalista sobre as súas habituais presenzas do alcalde de Vigo como tertuliano, algunhas incluso ausentándose do Pleno municipal. Aliás, pediu explicacións por un novo abandono do rexedor na presidencia da sesión plenaria transcorrida apenas media hora do seu inicio, malia ser obrigada a súa presenza e non constar ningún compromiso na axenda oficial.

Non ás propostas do BNG para os remanentes

Dende o BNG trasladaron a esta sesión plenaria unha moción que incluía 15 medidas para destinar 100 millóns de euros dos remanentes municipais a atender as necesidades reais da cidade. Actuacións destinadas a fortalecer os servizos públicos, enfrontar o grave problema da vivenda e do empobrecemento social, mellorar as políticas culturais, deportivas e medioambientais e poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias, que foron tombadas polos votos en contra do grupo socialista.

Sectarismo do PSOE

A fronte nacionalista denuncia ademais o “sectarismo” do PSOE por impedir que nesta sesión ordinaria se debatese unha moción de urxencia, a proposta nacionalista, para reprobar as represalias do PP contra catro relatoras do proxecto “Aquí faltan páxinas”, promovido pola Deputación provincial, por se teren significado como candidatas ou apoios en apoio do BNG nas pasadas eleccións do 18 de febreiro. “O PSOE di criticar o sectarismo do PP na Deputación, pero en canto pode practica exactamente o mesmo sectarismo autoritario no Concello”, afeou Igrexas, asegurando que esta negativa se debe, exclusivamente, a que a moción de urxencia foi formulada polo Bloque.

O BNG retrata no Pleno de Vigo a falla de xestión de Caballero por deixar 112 millóns sen gastar en 2023