O BNG de Vigo insta o Goberno municipal a non recorrer a sentenza que anula o decreto de permanencia dos bombeiros

SAVE_20191007_171152
SAVE_20191007_171152
Xabier P. Igrexas esíxelle á concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, que deixe sen efecto o decreto e que inicie de inmediato unha negociación co Comité de Folga
O BNG de Vigo insta o Goberno municipal a non recorrer a sentenza que anula o decreto de permanencia dos bombeiros

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo esta mañá unha xuntanza con representantes do Comité de Folga dos bombeiros do Concello de Vigo. Após o encontro, Igrexas valorou a sentenza ditada a pasada semana polo xulgado do contencioso que declaraba ilegal o decreto de permanencia imposto polo Goberno municipal no corpo de bombeiros da cidade. "Estamos diante dunha sentenza tan contundente como argumentada que declara ilegal un decreto que supuxo un claro abuso e a conculcación de dereitos fundamentais dos propios bombeiros", manifestou. O edil nacionalista fixo fincapé no feito de que de maneira clara o xulgado dea a razón aos bombeiros na práctica totalidade das súas pretensións, botando abaixo un decreto que vulneraba o dereito ao descanso, a negociación colectiva, a conciliación familiar e a prevención de riscos.

Diante desta resolución xudicial, o voceiro nacionalista instou o Goberno municipal a non recorrer o fallo para "non alargar a agonía dilatando un conflito que se ten que resolver xa". Emporiso, Igrexas reclamou á concelleira de Seguridade, Elena Espinosa que "convoque hoxe mesmo ao Comité de Folga para iniciar de inmediato unha negociación que permita buscar unha fórmula acordada cos traballadores para garantir os mínimos operativos".

Nesa negociación terá de abordarse tamén as razóns "de fondo" que motivaron a convocatoria dunha folga indefinida, "sen precedentes na historia da cidade", como son a falla de persoal e a necesidade de dotar o corpo dunha estrutura de mando estábel e cualificada. A este respeito, Igrexas considera "gravemente irresponsábel" que o Goberno municipal non se teña comunicado inda a día de hoxe cos representantes sindicais, tal e como lle confirmou o Comité de Folga.

"Falamos dun servizo esencial, un servizo de garantía diante de situacións de emerxencia, que nestas condicións non pode garantir a seguridade nin da cidadanía nin dos propios bombeiros. Non se pode esperar nin un minuto máis para tomar as decisións que sexan necesarias para resolver esta problemática", reclamou.

Responsabilidades de Font

En relación ás responsabilidades que puideran afectar ao concelleiro Carlos López Font, por ser quen asinou o decreto anulado, Igrexas expresou que "é unha esixencia democrática que calquera responsábel público despois dunha sentenza tan rotunda cando menos dea explicacións e pida desculpas". No entanto, o edil do BNG ironizou con que xa non cabe depurar responsabilidades políticas afirmando que "iso xa o fixo o alcalde ao inicio deste mandato deixando sen competencias a Font".