O BNG de Vigo reclama “máis buses e máis persoal” na nova concesión para mellorar o servizo de bus urbano

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, expresa o seu apoio ao Comité de Empresa de Vitrasa diante dos reiterados incumprimentos da compañía.

O BNG considera moi grave que non se estean a respeitar os tempos de descanso durante a xornada dos condutores e condutoras.

O BNG de Vigo reclama “máis buses e máis persoal” na nova concesión para mellorar o servizo de bus urbano

O BNG mantivo esta mañá un encontro co Comité de Empresa de Vitrasa. Na xuntanza, o concelleiro, Xabier P. Igrexas, trasladoulle aos representantes sindicais o pleno apoio da formación nacionalista ao cadro de persoal fronte aos reiterados incumprimentos da empresa. Igrexas demandou que no novo prego de concesión do autobús urbano se incremente o número de autobuses e o número de traballadoras e traballadores para mellorar substancialmente o servizo.

Na xuntanza, o Comité de Empresa trasladoulle ao edil do Bloque os compromisos incumpridos por parte da dirección de Vitrasa após un ano de atinxiren un acordo que evitou a convocatoria dunha folga. Nese sentido, Igrexas subliñou a gravidade de que non se estean a respeitar os tempos de descanso dos e das condutoras por causa da imposibilidade material de que se cumpran os horarios e as frecuencias. Unha problemática derivada de que os horarios non se actualizaron atendendo as dificultades no tráfico da cidade, como o incremento das paradas, a retirada dos carrís-bus ou a instalación de lombos. “Non se trata só dunha cuestión laboral, o feito de que os condutoras e condutoras non poidan realizar os descansos necesarios pon en risco a súa seguridade e a das persoas que viaxan no bus”, advertiu Igrexas quen apuntou que se están a producir xornadas de máis de dez horas.

Desde a representación sindical denunciaron que o Goberno municipal é coñecedor de toda a súa problemática pero que a súa única resposta foi inhibirse no conflito, alegando que son cuestións a resolver entre traballadores e empresa. Desde o Bloque criticaron con dureza esa omisión por parte do Concello lembrando que se trata dun “servizo público municipal, que inda que estea xestionado por un operador privado, pagamos con diñeiro público”.

Nova concesión

En relación ano novo prego de concesión, Igrexas reprochoulle ao Goberno que non teña nin consultado ao Comité de Empresa. “É escandaloso que se estea a elaborar un novo prego que vai fixar as condicións do servizo para os próximos anos e nin tan sequera se fale con quen mellor o coñece, que son os condutores e condutoras”, afirmou. O portavoz nacionalista comprometeuse co Comité a estar “moi vixiante” para asegurar que o novo prego asegure a subrogación do cadro de persoal no caso de cambio de concesionaria.

Por outra parte, Igrexas volveu facer un chamado a aproveitar a nova concesión para despregar unha “mellora radical” do servizo de autobús urbano na cidade. A este respeito, desde o BNG consideran que é imprescindíbel que se aumente tanto o número de buses como o persoal. “Non podemos seguir cun servizo que mantén o mesmo número de autobuses e de condutores e condutoras desde 1994”, advirten. Igrexas subliña que atallar unha necesidade “vital” como é a mellora das frecuencias ou a mellor conexión dos barrios e parroquias só será posíbel “con máis autobuses”.