UNHA NOVA GALIZA

Xabier P. Igrexas: “O BNG somos a forza política que máis medra en Vigo e aspiramos a sumar máis”

No centro: Xabier  P. Igrexas, Carmela González e Alexandra Fernández.
No centro: Xabier P. Igrexas, Carmela González e Alexandra Fernández.

O portavoz municipal do Bloque agradece o apoio das 31.628 viguesas e vigueses nas votacións do 12 de xullo.

A fronte nacionalista aumenta en 17 puntos porcentuais os seus resultados nas eleccións galegas.

Xabier P. Igrexas: “O BNG somos a forza política que máis medra en Vigo e aspiramos a sumar máis”

Após as eleccións galegas decorridas no día de onte, o Bloque Nacionalista Galego valorou os resultados obtidos na cidade de Vigo. Fíxoo por boca do seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, quen agradeceu o apoio das 31.628 viguesas e vigueses que co seu voto fixeron que a fronte nacionalista fose a forza política que máis medra en Vigo.

Igrexas subliñou o aumento “espectacular” en 17 puntos porcentuais en relación aos resultados de hai 4 anos. “Este resultado histórico acredita que o proxecto transformador, en positivo e comprometido coas clases populares e traballadoras que representa o BNG, sigue a sumar en Vigo e en Galiza”, manifestou.

O edil expresou o seu orgullo do papel xogado pola militancia do BNG e de maneira especial pola mocidade organizada en Galiza Nova e tamén das persoas simpatizantes, que fixeron posíbel unha campaña “épica” cun traballo arreo “a pé de rúa, barrio a barrio e parroquia a parroquia para lograr este resultado”.

Igrexas interpreta este importantísimo aumento do apoio ao BNG como un mandato para “multiplicar esforzos, a facer inda máis para empurrar o cambio galego que Galiza precisa canto antes e no que o Bloque ten o compromiso de facer que Vigo ocupe o lugar que lle corresponde como motor de todo un País”.

Desde o BNG expresan tamén a satisfacción porque máis de 6 de cada 10 viguesas apostaran co seu voto polo cambio, censurando as políticas antisociais, privatizadoras, de recorte e de abandono da cidade que aplica o Partido Popular. “Sobre este resultado, que para o BNG é un punto de partida, imos seguir traballando” prometeu Igrexas. “Agora Vigo vai ter dúas deputadas bravas, coherentes e comprometidas, como son Alexandra Fernández e Carmela González para lle plantar cara ao PP e defender os intereses da cidade e do País”, destacou.

“Hai un ano, cando recuperamos a representación institucional no Concello de Vigo, dixemos que o BNG volviamos para ficar e hoxe podo dicir con total convencemento que o BNG estamos en Vigo para ser o motor decisivo que faga posíbel esa nova Galiza que moitos millares de viguesas e vigueses soñastes con nós. Sigamos soñando, construamos entre todas e todos ese soño do cambio galego. Ese é o compromiso do Bloque Nacionalista Galego en Vigo”, sinalou o portavoz municipal nacionalista que inscribiu os resultados deste 12X na onda “imparábel” de crecente apoio ao nacionalismo na principal cidade de Galiza.

Xabier P. Igrexas: “O BNG somos a forza política que máis medra en Vigo e aspiramos a sumar máis”