Imprimir

O BNG apoia a folga contra o modelo educativo do PP e anima a participar na mobilización de mañá

Bloque Nacionalista Galego de Vigo | 05 de febreiro de 2013

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, manifestou que o Bloque Nacionalista Galego respalda a folga estudantil convocada para mañá, 6 de febreiro, contra o modelo educativo do Partido Popular. A nacionalista fai un chamamento a participar na mobilización que mañá ás 12 horas terá lugar na Praza de América baixo o lema “Non ao modelo educativo do PP. O ensino é un dereito e non un privilexio".

“Cómpre que toda a sociedade, e non só a mocidade, saia a rúa para evitar que o PP acabe co carácter público, universal e gratuíto do ensino e reforzando o seu papel españolizador”, salientou Iolanda Veloso. Ao seu xuízo, os recortes que está levando a cabo o Partido Popular no ensino público tanto na Xunta como no Ministerio a cargo de Wert “é unha decisión ideolóxica, preocupados especialmente por españolizar a educación”.

A portavoz nacionalista lembrou que os recortes do PP na Xunta están provocando xa a perda de centos de docentes en toda Galiza, así como a falta de dotación para facer fronte á atención á diversidade, ao reforzo educativo e ás necesidades educativas especiais, mentres aumenta os recursos que segregan aos nenos e nenas.

Por outra banda, e a respecto das últimas verbas do ministro de Educación, Iolanda Veloso considerou que é “inadmisible que alguén a quen se lle supón un certo interese pola formación e a cultura diga que os estudantes deben estudar en función do mercado laboral e non de seus gustos. Que tipo de monstros pretende crear?”.

“Uns e outros, en Galiza ou en Madrid, só buscan reducir a oferta educativa e volver ao sistema de ensino de hai trinta ou corenta anos”, apuntou, ao tempo que denunciou o esforzo de Feijoo e Wert no desmantelamento do ensino público.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-apoia-folga-modelo-educativo-do-pp-anima-participar-na-mobilizacion-manha/20130205150457001963.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: 986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal 

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr