Domínguez: "Os resultados son moi malos pero o BNG en Vigo seguirá defendendo o emprego"
Moi malos, sen paliativos calificou o portavoz municipal do BNG os resultados electorais acadados onte polo Bloque, tras sufrir unha perda de 7 puntos. Independentemente dos resultados Domínguez quixo agradecer a confianza depositada polos máis de 14.000 vigueses e viguesas no BNG e o traballo dos e das militantes que traballaron na campaña.
O nacionalista destacou que o Bloque fixo unha campaña a pé de rúa, recibindo e escoitando as suxestións da cidadanía. Lonxe de entrar noutro tipo de discusións, o BNG trasladou as súas alternativas, pero cos resultados á vista non soubemos contactar ou empatizar coa cidadanía, apuntou Domínguez.
Ao seu xuízo, para o BNG ábrese un episodio novo, pero no que o grupo municipal do BNG seguirá defendendo o emprego e os servizos sociais na cidade. Os resultados non cambian a nosa vontade de esixir ao goberno local que as súas prioridades teñen que ser o emprego e o aumento das partidas para servizos sociais, asegurou.
Tras felicitar ao PP e a AGE polos resultados obtido, Santi Domínguez salientou que agora Núñez Feijóo ten unha nova oportunidade para devolverlle a Vigo o que lle corresponde. Avanzou neste sentido que dende o BNG seremos belixerantes á hora de criticar as políticas de recortes e os ataques á cultura e á lingua.
Datos en Vigo
A respecto dos datos acadados en Vigo, cunha baixada de 7,75 puntos, similar á baixada do PP e inferior á baixada do PSOE, o portavoz municipal do Bloque sinalou que non se trata dun caso aillado do acontecido nas outras cidades galegas, agás Pontevedra. Comentou que se ben o Bloque experimentou un retroceso importante en todas as cidades, excepto Pontevedra, Vigo foi a cidade na que acadaou unha porcentaxe de votos máis alta. Segundo Domínguez Vigo castiga ao PP, que ten os peores resultados de todas as cidades, polo que defendeu que esta cidade sigue apostando polo nacionalismo e a esquerda.
En resposta ás preguntas dos medios sobre as causas da baixada en Vigo, Santi Domínguez afirmou que se enmarca nunha baixada xeral e similar á do resto das cidades, sendo Vigo a que máis resiste, polo que considerou que non se pode achacar á política que defende o grupo municipal.
Neste mesmo sentido apuntou que os resultados de onte non se poden trasladar ás eleccións municipais, para as que aínda faltan dous anos e medio. Son dous procesos electorais distintos, recalcou, ao tempo que incidiu en que o grupo municipal ten o compromiso de esixir ao goberno local que faga políticas para potenciar o emprego e blindar os servizos sociais.
Cambios no BNG
Non creo que sexa o momento de falar de cambios, asegurou Domínguez preguntado sobre se considera que é o momento de que se produzan cambios na dirección do BNG. Foi heroico o traballo de recomposición que fixo o BNG a partir de diferentes conflitos internos e escisións e agora estamos nun BNG máis unido que nunca, destacou.
O portavoz municipal nacionalista considerou que son resultados que temos que afrontar colectivamente e temos que asumilos máis unidos que nunca. Ao seu xuízo toca agora reflexionar colectivamente· e analizar o papel que o BNG ten que facer neste país. Coincido con Francisco Jorquera en que o BNG é agora máis necesario que nunca, rematou.