O BNG vota en contra dos orzamentos froito do “pacto de silencio” entre PP e PSOE

O BNG vota en contra dos orzamentos froito do “pacto de silencio” entre PP e PSOE

Iolanda Veloso denuncia que as contas municipais para 2014 condenan a Vigo a padecer as políticas de recortes que aplican os populares onde gobernan

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERAVigo, 2 de maio de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, destacou que os orzamentos municipais aprobados hoxe cos votos do PSOE e o PP condenan aos vigueses e viguesas a sufrir as políticas privatizadoras dos populares, así como a asumir os custes dos compromisos que o PP non cumpre nas administracións nas que gobernan. Por isto, no pleno municipal celebrado hoxe marcado polas protestas veciñais contra as contas para 2014, o Bloque votou en contra do acordo orzamentario rubricado entre PP e PSOE, consecuencia do seu pacto de silencio.

“Chegaron a un pacto non para solucionar os problemas da cidadanía, senón a un pacto de silencio para non asumir as súas culpas nin responsabilidades nas cuestións que afectan a este país”, subliñou a portavoz municipal nacionalista. Neste sentido, Iolanda Veloso fixo referencia ao silencio de socialistas e populares sobre temas como a exclusión de Vigo do porto nodal, a privatización do novo hospital ou a corrupción en moitos dos concellos galegos.

Pola contra, a voceira do Bloque expresou a sorpresa dos nacionalistas pola intervención da tenente de alcalde no pleno, ao adicarse “a abroncar ao BNG en lugar de explicar o seu pacto co PP”, coa “forza política da dereita que aplica medidas crueis para boa parte da cidadanía”, engadiu. Considerou ademais que se trata dun acordo escurantista e falto de transparencia. “Vostedes non son quen de explicar o seu pacto nin tan sequera aos compañeiros e compañeiras de partido”, comentou ao respecto, en referencia ás discrepancias internas de parte do PSOE publicadas hoxe.

Coincidencia de propostas de PP e PSOE

“A vostedes non lles gustan as propostas do BNG, que fai das contas municipais uns orzamentos de esquerdas, prefiren as do PP aínda que dixeran que os populares traballan en contra de Vigo”, criticou a portavoz do Bloque, aludindo ao incumprimento do goberno local de emendas presentadas polo BNG aos pasados orzamentos municipais e aprobadas no pleno correspondente.

OLYMPUS DIGITAL CAMERAIolanda Veloso recoñeceulle ao portavoz popular resumir a situación da política municipal “perfectamente”, ao recoñecer no seu discurso que o goberno lles presentara unha propostas coa que coincidían e tiñan para apoiala. Precisamente nos orzamentos aprobados hoxe por PP e PSOE confírmase a diminución do convenio para crear emprego e as partidas correspondentes a servizos sociais.

Por outro lado, a voceira nacionalista recordou as constantes críticas do PSOE ao PP polos recortes aplicados desde a Xunta, así como as críticas do PP ao PSOE no goberno de Vigo pola súa ineficacia. “Como cambiou o conto”, comentou, ao tempo que recordou que resulta “curioso que o PP diga que chega a un acordo por responsabilidade, unha responsabilidade que non tivo cando gobernaron esta cidade e non lograron aprobar orzamentos”, comentou.

Pacto sobre mentiras

“Chámanos a atención que o pacto entre PP e PSOE tamén chegue as mentiras que din”, manifestou Iolanda Veloso en resposta ás intervencións da representante socialista e o portavoz popular, acusando ao Bloque de permitir que o PP gobernase Vigo hai dez anos. Neste sentido, a voceira nacionalista subliñou que o BNG “nunca votou un alcalde ou alcaldesa do PP”.

Iolanda Veloso lembrou que foi o PSOE quen expulsou ao BNG do goberno vigués, despois de que os socialistas aseguraran que era imposible seguir traballando cos nacionalistas. “Pérez Touriño preferiu a presidencia da Deputación da Coruña á alcaldía de Vigo”, criticou ao respecto.

“Vostedes hoxe teñen que responder de por que pactan co PP considerándoos os bos e xenerosos, e por que aplican en Vigo políticas de dereitas”, concluíu a voceira municipal do Bloque.

 

O BNG vota en contra dos orzamentos froito do “pacto de silencio” entre PP e PSOE