O pleno aproba cos votos do BNG e a abstención de PSOE e PP que Citroën readmita aos traballadores

O pleno aproba cos votos do BNG e a abstención de PSOE e PP que Citroën readmita aos traballadores

A moción defendida pola voceira Iolanda Veloso insta á Xunta e ao alcalde de Vigo a mediar no conflito laboral

 

pleno 29 xullo Iolanda VelosoVigo, 29 de xullo de 2014.- O BNG logrou aprobar, cos seus propios votos e a abstención do PSOE e o PP que a Xunta de Galiza e o alcalde de Vigo medien para acadar a readmisión por Citroën dos dous traballadores despedidos. A portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, criticou a postura do PSOE asegurando a súa solidariedade cos traballadores e non apoiando a iniciativa do Bloque.

“Moito se lles enche a boca coa palabra solidariedade, pero logo toman unha decisión puramente partidista”, recriminoulle a voceira do BNG na defensa da moción ao portavoz socialista ao argumentar a falta de unidade sindical neste caso. “En Vilaboa votaron a favor dunha moción similar e agora falan de representación sindical... Pero non estamos pedindo nada para a sección sindical da CIG”, subliñou Iolanda Veloso.

Pola contra, a portavoz municipal nacionalista destacou que coa moción se está defendendo a dous traballadores “que foron despedidos fulminantemente por unha decisión unilateral da empresa e sen apercibimento previo”. “Só estamos falando de dous traballadores que quedan sen o seu posto de traballo”, engadiu.

Iolanda Veloso lembrou que a factoría viguesa ten recibido máis de 35 millóns en axudas, “que pagamos todos e todas”. Asemade sinalou que a CIG denuncia a falsidade dos argumentos da empresa que explica os despedimentos por incumprimento en materia de seguridade mais, segundo aseguran, non se detectaron consecuencias nos vehículos fabricados.

“Non hai precedentes de despedimentos tan drásticos, carentes de fundamento e sen existir sancións previas, nin tan sequera en 1972”, manifestou, ao tempo que destacou que nos arredor de 15 anos que os traballadores levan de traxectoria profesional en Citroën non recibiron a máis mínima queixa do seu traballo e non foron nunca sancionados antes de que se lles comunicase o despedimento.

 

O pleno aproba cos votos do BNG e a abstención de PSOE e PP que Citroën readmita aos traballadores