O BNG denuncia o colapso dos servizos sociais do concello e reclama un pleno extraordinario
A voceira municipal, Iolanda Veloso, denunciou hoxe a situación de colapso no que se atopa o servizo de Benestar Social do concello de Vigo. Lembrou que o departamento está facendo frente a unha situación insostíbel, acentuada pola realidade socio-económica da nosa cidade e que un momento no que os datos de desemprego provocan que cada vez máis persoas recurran aos servizos sociais, requerería que as administracións considerasen facer frente a estas situacións como a prioridade da súa acción de goberno.
A concelleira nacionalista reclamoulle ao alcalde que adopte medidas urxentes para resolver esa situación, xa que el é o responsábel último da situación da cidadanía de Vigo. O BNG entende que nestes momentos os maiores esforzos da administración se teñen que dedicar a cubrir as necesidades básicas da cidadanía, e asi o evidenciou nas emendas aos orzamentos de anos pasados. Exemplo desa iniciativa do BNG é o plan social contra a crise, incluido nos orzamentos de 2013 grazas a unha emenda nacionalista.
Iolanda Veloso manifestou que non só non se fixo o esforzo necesario para reforzar o persoal do servizo senon que este ano reducíronse or orzamentos para axudas, pasando dos 3.200.000 do plan social contra a crise incluido polo BNG no 2013 aos 2.000.000 deste ano en axudas finalistas por alimentos, consumo enerxético e vivenda.
A concelleira nacionalista lémbralle ao alcalde que hai meses que o persoal do departamento lle fixo chegar escrito no que lle transmitía a situación alarmante dos prazos de espera para citas dos usuarios e usuarias, de máis de 30 días para citas de atención primaria e mesmo de 6 meses no caso do servizo de inclusión social. A situación xenerada supón o infrinximento dos prazos legais en expedientes cuia resolución corresponde á Xunta de Galicia, como é o caso da Risga, AIS ou Dependencia, situación esta que xenera unha vulneración dos dereitos básicos dos cidadáns.
Tamén lle recorda a responsábel do grupo municipal do BNG ao alcalde que a falta de resposta do goberno lmunicipal para cubrir baixas, vacacións e permisos supón un incumprimento das ratios que establece a lei en canto a persoal de atención de servizos sociais, pois se a lei establece unha persoa técnica por cada 8000 habitantes, no noso concello estamos en máis de 17.000 habitantes por técnico, coa situación de crispación cidadá e o aumento de situacións conflitivas que iso conleva.
Esta grave situación é a que levou hai uns días ao colectivo IMAN a solicitar a celebración dun pleno extraordinario para a contratación con carácter de urxencia de 10 traballadores/as sociais e 10 educadores/as sociais, co fin de acelerar no posible as resolucións das solicitudes de emerxencia social e rebaixar as listas de agarda.
O BNG non só apoia esta solicitude senón que na pasada xunta de voceiros solicitou a celebración dese pleno, que se podería convocar para o vindeiro martes, coincidindo co ordinario do mes de xullo, solicitude esta que non obtivo resposta ningunha por parte dos representantes de PP e PSOE.