O Bloque reclama á Xunta a creación do consello de saúde de área para mellorar a calidade sanitaria
Iolanda Veloso :Nos plenos damos voz a cidadanía, pero tamén queremos que a administración asuma as súas competencias
Manuel Moreira, número 3 da candidatura do BNG ás municipais, defende a participación cidadá na xestión da sanidade pública
Vigo, 20 de febreiro de 2015.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e o número 3 da candidatura do Bloque ás vindeiras eleccións municipais e integrante da plataforma SOS Sanidade Pública, presentaron a moción que a formación nacionalista defenderá no pleno da corporación viguesa que se celebrará o vindeiro luns. No documento, o Bloque insta á Xunta de Galiza a crear o consello de saúde de área como ferramenta fundamental para mellorar a calidade sanitaria.
Iolanda Veloso destacou que os problemas sanitarios que existen na área sanitaria de Vigo son un tema recorrente nos plenos de Vigo, como é o caso da vindeira sesión na que intervirá unha representante dos afectados pola hepatite C, ou nalgún anterior no que un portavoz sanitario expresou os problemas que provocará que o novo hospital non estea dotado co laboratorio central.
Nós nos plenos de Vigo damos voz á cidadanía, pero tamén queremos que a administración competente asuma as súas competencias, afirmou ao tempo que subliñou que precisamente os consellos de área son as ferramentas que a lei contempla para recoller esa problemática e buscar as súas solucións.
Lei de saúde
A participación cidadá é un dos elementos fundamentais que nós defendemos na xestión da sanidade pública, destacou Manuel Moreira, quen explicou que esta participación se recolle na Lei de Saúde, aprobada no 2008, na figura dos consellos de saúde, nas que participarían diferentes organismos sanitarios e con competencias de información e de control, non de execución. Saber como se gastan os nosos cartos e promover medidas saudables son algunhas das súas funcións, indicou.
Segundo afirmou o candidato nacionalista, é necesario que haxa un ámbito no que as organizacións poidan expresar as súas opinións e as súas suxestións sobre as cuestións sanitarias, e os consellos de área son os elementos adecuados; o problema é que se paralizaron en 2010, criticou.
Preguntado sobre o consello de área de Vigo, Moreira explicou que no 2009 se constituíu unha comisión de participación, que ten menos funcións que os consellos de área, pero tampouco se convocou. Sinalou que xogaría un papel importante a respecto da memoria sanitaria, posto que recollería as diferentes suxestións, como por exemplo no caso dos enfermos de hepatite C.