O BNG propón 10 medidas urxentes para os cen primeiros días de mandato en Vigo

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo no Pleno

A fronte nacionalista traslada un decálogo de actuacións diante da “parálise e falla de impulso” do Goberno de Caballero, a través dunha moción ao primeiro Pleno ordinario

Xabier P. Igrexas: "Fronte a un Goberno municipal en estado de coma e un alcalde fuxido, o BNG demostramos que si hai alternativa ao desgoberno da inercia e a propaganda”

O BNG propón 10 medidas urxentes para os cen primeiros días de mandato en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego propón 10 medidas urxentes para os cen primeiros días de mandato en Vigo. O portavoz do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, expuso este venres un decálogo de actuacións para urxir ao Goberno de Abel Caballero a “abandonar a parálise e falla de impulso” na que está instalado dende as eleccións municipais e co obxectivo de atender as “necesidades reais” das viguesas e vigueses.

“O mandato cidadán do pasado 28 de maio marcou con clareza a necesidade de mudanzas en Vigo, retirando case 20 mil apoios ao actual Goberno municipal”, valorou Igrexas, que trasladará estas medidas concretas no primeiro Pleno municipal ordinario, previsto para este vindeiro luns 31 de xullo. "Fronte a un Concello en estado de coma desde o inicio do mandato e un alcalde fuxido e escondido para non dar conta de nada, o BNG demostramos que si hai alternativa ao desgoberno da inercia e a propaganda”, defendeu o voceiro nacionalista.

Novo Regulamento de Participación Cidadá

Como primeira medida, o BNG demanda avanzar cara a unha democracia municipal de “maior calidade”, facendo efectiva a participación da veciñanza e do tecido asociativo na toma de decisións e no reparto dos recursos do Concello. Así, a fronte nacionalista chama a promover un novo Regulamento de Participación Cidadá que, entre outras medidas, habilite mecanismos para a elaboración duns orzamentos municipais participativos, a principiar polos presupostos do vindeiro exercicio 2024.

Axencia Local de Vivenda e Plan de Emprego

O portavoz municipal do BNG de Vigo insistiu na urxencia de actuar dende o municipal para facer fronte á situación de emerxencia social na cidade, marcada pola crise inflacionista, con 9.500 postos de traballo menos en comparación co ano 2010 e con 60 mil viguesas e vigueses en risco de exclusión social e pobreza segundo o índice Arope. “É fundamental un enérxico reforzamento das políticas como primeiro paso para converter o Concello nun verdadeiro parapeto social”, defendeu Igrexas. Así, as nacionalistas propoñen a creación dunha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social, que permita enfrontar o “grave” problema de acceso á vivenda, que sente as bases para constituír un parque público municipal de vivendas. No ámbito laboral, reclaman multiplicar por 4 os recursos orzamentarios do Plan Municipal de Emprego e do Programa Vigo Emprega.

Renda Social e recursos do CIM

Na mesma liña, a fronte nacionalista reiterou a necesidade de alargar os recursos municipais contra a pobreza e o empobrecemento coa posta en marcha dunha Renda Social Municipal que permita complementar outras axudas (como a Risga, o Ingreso Mínimo Vital ou as pensións non contributivas) até acadar o importe do salario mínimo interprofesional. No eido da loita contra a violencia machista, o BNG reclamou atender as reivindicacións dos masivos 8 de marzo na cidade que demandan “pasar dos discursos aos feitos” con medidas concretas. Nese sentido, a proposta nacionalista pasa por reforzar os recursos do actual Centro de Información ás Mulleres (CIM) e iniciar o proceso para crear dous novos centros nos barrios de Coia e do Calvario.

Máis bibliotecas e programas para a mocidade

Dende o Bloque trasladaron tamén propostas fronte á “desertización cultural” dos últimos anos, en particular a necesidade de rematar co “insuficiente modelo de salas de estudo e de lectura nos que non hai nada que ler” para promover a creación dunha Rede Municipal de Bibliotecas en todos os barrios e parroquias de Vigo, a principiar pola comprometida biblioteca en Teis. Unha iniciativa que permitiría reiniciar o proxecto impulsado polas nacionalistas en 2011 coa creación da biblioteca Neira Vilas e que abandonou o Goberno de Caballero. No caso concreto da mocidade, o voceiro nacionalista criticou o “continuo castigo” co desmantelamento dos programas para as e os máis novos. Por este motivo, pediu a ampliación de horarios e servizos de Vigosónico, retomar a actividade da Casa da Xuventude e recuperar espazos como o Súbete ao Castro e o Punto Xove.

Reconversión de VigoZoo e protección dos montes

A fronte nacionalista reiterou ademais a súa aposta pola reconversión do actual VigoZoo, poñendo fin ao modelo exhibicionista de animais para transformalo nun centro de recuperación e protección da fauna, seguindo a Estratexia Zoo XXI. No mesmo sentido de avanzar cara unha cidade máis sustentábel en termos ambientais, o BNG considera necesario dotar cun mínimo dun millón de euros un Programa Municipal de protección, valorización e uso social dos Montes de Vigo, en colaboración coa Mancomunidade.

Piscina de Teis e pistas de atletismo de Balaídos

Igrexas demandou rematar co “maltrato” cara ao deporte local, que ten como exemplos máis claros o “estado lamentábel” de moitas das instalacións deportivas municipais. En concreto, subliñou a urxencia de resolver as “graves deficiencias” que presentan as pistas de atletismo de Balaídos, denunciadas de forma reiterada polas e polos propios deportistas durante moitos anos. Ademais, o portavoz nacionalista considerou necesario acelerar as obras para a reapertura da piscina municipal de Teis, após máis dun ano pechada por causa dun incendio.

O BNG propón 10 medidas urxentes para os cen primeiros días de mandato en Vigo