O BNG de Vigo critica o “sectarismo” do PSOE no Pleno por tombar unha moción contra a violencia machista
A fronte nacionalista afea o voto negativo do grupo socialista ás propostas do Bloque para multiplicar os recursos que destinan Concello e Xunta a políticas feministas
Lamenta o “veto indecente” de PSOE e PP a unha declaración institucional na sesión plenaria contra o xenocidio na Palestina: “A indiferenza é complicidade”
Refuta as “evidentes e vergoñentas esaxeracións” do alcalde Abel Caballero sobre o Nadal e que non se tomaran medidas para evitar que se repita o “caos” do pasado ano
O Bloque Nacionalista Galego critica o “sectarismo” do PSOE no Pleno do Concello de Vigo por tombar unha moción contra a violencia machista. A fronte nacionalista afea o voto negativo do grupo socialista,na sesión celebrada este luns, das propostas do Bloque para multiplicar os recursos que destinan Concello e Xunta a políticas feministas e converter así o combate do machismo nunha verdadeira prioridade política.
“Sorprende esta negativa cando a nosa moción o que busca é recoller o mandato do movemento feminista de ‘menos discursos e máis recursos’ como volveu reivindicarse nas rúas da cidade este 25N”, lamentou a concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, que lembrou que na loita contra a violencia machista “nunca podemos dicir que se fai suficiente” cando seguen a sucederse a diario novos feminicidios.
Aliás, desde a fronte nacionalista rexeitaron as críticas formuladas pola Tenente de Alcade, Carmela Silva, que se atreveu a cualificar de “ruptura de consenso” que o BNG levase ao Pleno unha moción propia ademais de apoiar a Declaración Institucional do Consello Municipal da Muller, que foi aprobada por unanimidade. “A señora Silva claramente non entendeu a mensaxe do clamor feminista deste 25N que, precisamente, pedía moito máis que xestos e discursos xerais. A moción do BNG trasladaba propostas concretas para avanzar, con feitos, no combate ás violencias machistas. Medidas ás que o PSOE incomprensibelmente dixo non” retrucan desde o Bloque.
Fronte aos argumentos da concelleira de Igualdade, que defendeu a xestión do Goberno municipal como a máis avanzada en toda Galiza, a edil nacionalista reprochou que a subvención para a Rede de Mulleres contra os Malos Tratos quede conxelado no proxecto de contas para 2024, así como tamén o rexeitamento das emendas do BNG para aumentar as axudas a mulleres en situación de violencia de xénero ou das campañas de sensibilización. En relación ao PP, que se abstivo nas propostas nacionalistas, Martínez criticou os pactos dos populares coa ultradereita que “nega ou banaliza” a violencia machista, ademais de impoñer retrocesos de dereitos en numerosas institucións do Estado onde gobernan.
A moción do Bloque recollía medidas tanto da Xunta de Galiza, como aumentar até o 1% do orzamento galego os recursos contra a violencia machista, e tamén para o Concello de Vigo, como poñer en marcha dous novos Centros de Información á Mulleres (CIM) en Coia e Teis, un punto de atención itinerante para descentralizar este servizo, ou reforzar con máis medios humanos, materiais e orzamentarios os programas municipais de atención, acollemento e apoio das mulleres en situación de violencia machista, entre outras propostas.
Veto á declaración sobre o xenocidio na Palestina
Na sesión plenaria, o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lamentou o “veto indecente” dos grupos municipais do PSOE e do PP a trasladar unha declaración institucional do Concello de Vigo para esixir paz e liberdade para a Palestina. “A indiferenza diante dun xenocidio é complicidade”, acusou Igrexas a ambas formacións lembrando que xa van máis de 15 mil persoas asasinadas en Gaza, das cales máis de 6 mil eran crianzas. Entre as medidas propostas polo Bloque está pendurar a bandeira do pobo palestina na casa consistorial, como ocorreu con outros conflitos, e convocar de urxencia o Consello Municipal de Cooperación Internacional para acordar un programa de axuda humanitaria.
“Nadal si, por suposto que si, pero non así”
Sobre a moción presentada polo PSOE en relación ao Nadal, dende a fronte nacionalista formularon unha emenda para esixir que a Xunta de Galiza fomente a promoción turística na cidade durante todo o ano, singularmente o turismo de congresos, o cultural e o ambiental. O voceiro do Bloque refutou as “evidentes e vergoñentas esaxeracións” do alcalde Abel Caballero como o retorno de mil millóns de euros do Nadal, cando non existe ningún indicador que demostre esa cifra como acreditan a caída na recadación de IVE ou do emprego. “Nadal si, por suposto que si, pero non así”, reiterou Igrexas, que afeou que non se tomaran medidas para evitar que este ano se repita o “caos” de edicións anteriores, con gravísimos problemas de tráfico, seguridade e convivencia.