O BNG de Vigo propón estudar a creación dunha empresa municipal que xestione o servizo de bus urbano
A fronte nacionalista reitera a necesidade de que o goberno de Abel Caballero actúe de forma urxente ante o risco de quebra que alega Vitrasa e a pretensión de reducir un 40% os salarios do persoal, tras manter un encontro con representantes do Comité de Empresa.
Acusa á empresa concesionaria de prácticas de enxeñería contábel e de non ter acreditado as presuntas perdas millonarias malia percibir o ano pasado unha subvención directa de 13 millóns de euros do Concello.
Xabier P. Igrexas: “As boas palabras do Goberno municipal non van frear este evidente abuso laboral, o único que van é seguir consentindo as prácticas de Vitrasa”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de propoñer que o Concello de Vigo encargue de urxencia un estudo de cara á constitución dunha empresa municipal de servizos que poida asumir xestión directa do bus urbano en Vigo, ante as presuntas perdas millonarias que alega a concesionaria Vitrasa e a pretensión de reducir un 40% os salarios do persoal. A fronte nacionalista reitera a necesidade de que o goberno de Abel Caballero actúe de forma urxente despois de que a empresa teña asegurado estar incursa en risco de quebra.
“Estase xogando cun servizo esencial como o bus urbano, e xogando de maneira inxustificada, arbitraria e irresponsábel coas condicións laborais do persoal de Vitrasa”, advertiu en rolda de prensa o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, tras manter unha xuntanza con representantes do Comité de Empresa.
Igrexas cuestionou as “presuntas perdas millonarias” que alega a concesionaria para pedir a aplicación dun descolgue salarial que emprobeza as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras. O edil nacionalista apuntou que non hai constancia de que Vitrasa teña rexistrado as contas do ano 2021 nin que teña acreditado o desequilibrio económico-financeiro.
“Estamos diante dun evidente exercicio de enxeñería contábel para fabricar un escenario de perdas que xustifique novamente a petición de transferencias económicas para esta empresa privada”, denunciou Igrexas, que lembrou que o Concello de Vigo aporta cada ano a Vitrasa en subvencións directas, como bonificación das tarifas da PassVigo, o equivalente ao 50% dos custos de explotación do servizo, alén de que a empresa recada a totalidade da venda de billetes.
Que vai facer o alcalde?
O concelleiro do BNG en Vigo afeou tamén a falla de medidas do Goberno municipal até o momento, malia ter expresado publicamente o alcalde que non permitiría que se descontara un só euro do persoal de Vitrasa. “Que vai facer Abel Caballero para alén de declaracións? Que accións concretas, administrativas ou xurídicas, vai adoptar para evitar esta situación? Porque as boas palabras non van frear este evidente abuso laboral, o único que van é seguir consentindo as prácticas de Vitrasa”, subliñou.
Desde a fronte nacionalista insistiron na obriga de que o Concello, como titular deste servizo público, realice unha auditoría exhaustiva que clarifique a situación económica-financeira da empresa, así como iniciar os pasos para o eventual rescate da concesión en caso de que se demostre que a empresa non dispón de recursos para asumir a xestión do servizo.
O Concello consinte reducións de frecuencias
Igrexas criticou tamén que o Goberno municipal consinta reducións de frecuencias, con 72 menos cada día en comparación coas previas á pandemia. “Esta decisión só obedece aos intereses lucrativos de Vitrasa mentres as viguesas e os vigueses temos un servizo de peor calidade e impiden que o autobús sexa unha alternativa real e efectiva ao uso do vehículo privado en Vigo”, lamentou o edil nacionalista.
Pola súa parte, o representante sindical da CIG no Comité de Vitrasa, Javier Fernández, expresou o apoio á demanda de constituír unha empresa municipal que xestione o bus urbano. “O servizo agora mesmo está en mans dunha empresa privada cun ánimo de lucro desmesurado, reducindo servizos, pedindo millóns de euros vía xudicial ao Concello e agora emprobrecendo ao persoal”.