O BNG formula 20 “propostas en positivo” para os 100 primeiros días do novo Goberno municipal de Vigo

  • Propoñen a posta en marcha dun Parque Municipal de Vivendas Sociais, a elaboración “transparente e participativa” do PXOM, un novo Regulamento de Participación Cidadá ou apostar por unha “mellora substancial” do servizo de bus urbano.
  • O concelleiro electo, Xabier P. Igrexas, destacou que as 20 medidas incluídas pretenden ofrecer alternativas concretas para incidir en problemas e necesidades reais da veciñanza de Vigo que non están a ser atendidas.
O BNG formula 20 “propostas en positivo” para os 100 primeiros días do novo Goberno municipal de Vigo

[DESCARGA] DOCUMENTO COAS 20 PROPOSTAS (PDF)

O BNG de Vigo presentou publicamente esta mañá unha relación de 20 “propostas en positivo” para os 100 primeiros días do novo Goberno municipal. O concelleiro electo, Xabier P. Igrexas, explicou que se trata de alternativas concretas para incidir en problemas e necesidades reais da veciñanza de Vigo. Cuestións que, para o nacionalista, non foron debidamente atendidas nos últimos catro anos polo que chamou a abrir un “novo ciclo político” na cidade. 

Igrexas salientou a proposta de que o Goberno municipal  demande e convenie a cesión de uso das vivendas baleiras das que é titular a Sareb (banco malo) e mais as entidades financeiras privadas que foron resgatadas con fondos públicos, para conformar con elas un Parque Municipal de Vivenda Social. O edil nacionalista puxo de relevo a “urxente necesidade” desta medida precisamente no día no que se executaba un novo desafiuzamento na cidade, concretamente na contorna do Chouzo, que expulsou da súa vivenda a unha familia sen que desde as administracións públicas se ofrecese ningunha alternativa habitacional na nosa cidade. “O primeiro dereito das veciñas e veciños de Vigo é o de habitar a cidade e para iso cómpre que haxa un esforzo real para garantir o dereito ao acceso a un ben imprescindíbel como é a vivenda”, explicou.

A fronte nacionalista tamén demanda, entre outras cuestións, que a elaboración do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal saía da “escuridade dos despachos” e que se abra con transparencia e coa máxima participación veciñal. Nese sentido, Igrexas advertiu de que só o “máximo consenso social e político vai garantir que Vigo dispoña dun PXOM que permita poñer en marcha un modelo de cidade racional, sustentábel e que poña o urbanismo ao servizo das persoas”. “O PXOM do 2008 foi tombado formalmente por unha deficiencia na tramitación admnistrativa, mais é claro que o que o tombou en realidade foi a falla de consenso veciñal. Non podemos repetir ese erro”, afirmou.

Precisamente para fomentar unha “mellor democracia municipal” outra das 20 prioridades formuladas é a de elaborar un novo Regulamento de Participación Cidadá que faga que “escoitar ás viguesas e vigueses e ao tecido asociativo non sexa opcional” e que despregue novos mecanismos como os Consellos Veciñais de Barrio e de Parroquia, e que convirta os Consellos Sectoriais en espazos de codecisión e non en “estruturas ornamentais e burocráticas como na actualidade”. 

Pérez Igrexas tamén subliñou a importancia de aproveitar a fin da concesión do servizo de autobús urbano para “revolucionar a mobilidade apostando decididamente por mellorar o servizo”. En concreto, demandan que se acometa unha reformulación a fondo do actual mapa de liñas, para conectar mellor toda a cidade e singularmente os barrios e parroquias, que asegure mellores frecuencias e que se reduza o prezo do billete. “Se queremos apostar por unha cidade máis habitábel, máis cómoda para vivir e máis sutentábel temos que facer da mellora do bus urbano unha cuestión estratéxica”, explicou. Unha aposta coa que o Bloque quere crear as condicións para transformar o espazo urbano. “Revolucionando a mobilidade da cidade poderemos volver avanzar no proceso de democratización do espazo público que se iniciou co BNG nas peonalizacións de praza da Independencia ou do Calvario, permitindo que máis viguesas e vigueses disfruten dos seus barrios, gañando rúa para as persoas e non para os coches”, explicou. 

Propostas

Acometer medidas para resolver o colapso dos servizos sociais municipais e implementar unha renda social municipal, poñer en marcha un plan de choque contra o desemprego xuvenil, crear tres novas escolas infantís municipais na cidade, avanzar cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta, despregar uns orzamentos participativos, son outras das medidas recollidas.

A fronte nacionalista tamén reclama o cumprimento estrito da ordenanza municipal de Normalización lingüística, a apertura do Centro de Arte Fotográfico de Vigo e a recuperación do MARCO como espazo expositivo de arte contemporánea. Urxen tamén a remodelación integral das pistas de atletismo de Balaídos. En relación á cuestión ambiental as nacionalistas demandan a declaración de Vigo como cidade libre de eucaliptos, o rexeitamento a calquera proxecto de recheo na Ría e a elaboración dunha nova ordenanza de Protección e Benestar animal. 

Por último, as 20 propostas inclúen tamén aumentar os recursos dedicados á atención das mulleres vítimas de violencia machista, a creación dun programa de atención e información do colectivo LGBT e impulsar, desde o diálogo e a cooperación, a posta en marcha da Área Metropolitana.