O BNG propón que a vella estación de autobuses se destine a aparcamento disuasorio e dotacións veciñais e culturais

  • O concelleiro electo do Bloque, Xabier P. Igrexas, demanda que o Concello tome a iniciativa para consensuar co tecido asociativo da contorna unha proposta de uso da estación da avenida de Madrid. 
  • A fronte nacionalista rexeita a opción de manter en funcionamento dúas estacións de bus, unha vez estea operativa a nova terminal en Urzaiz, e oponse a que a vella se destine a superficie comercial. 
O BNG propón que a vella estación de autobuses se destine a aparcamento disuasorio e dotacións veciñais e culturais

Após facerse pública a adxudicación das obras da construción da nova terminal de buses na estación intermodal de Urzaiz, o BNG de Vigo defende que é o momento de empezar a planificar que uso se lle dará á vella estación da avenida de Madrid. Neste sentido, o concelleiro electo, Xabier P. Igrexas, reclamou que o Concello de Vigo tome a iniciativa consensuando co tecido asociativo da contorna unha proposta de uso. 

Igrexas considera que sería de grande utilidade empregar a superficie agora dedicada a cocheira e dársenas da vella estación como aparcamento disuasorio nun dos principais accesos por estrada á cidade. Para iso, o nacionalista demanda que se despregue unha conexión directa por bus urbano entre esa estación e a praza dos Cabalos, a xeito de lanzadeira. Esta medida, segundo apuntou Igrexas, permitiría reducir o número de vehículos que circulan no casco urbano, nunha cidade que cada día recibe máis de 90 mil coches.

A superficie do primeiro andar, actualmente dedicada a servizos da estación e billeteira, a fronte nacionalista cre que debe ter un uso social e comunitario. Neste sentido, Igrexas demandou que o Concello elabore unha proposta recollendo o parecer do movemento veciñal da contorna, especialmente do Calvario, da Dobrada e de San Roque, pola súa proximidade. “Nós advertimos xa de entrada que o que non necesita esta zona é máis superficie comercial, máis tendas, senón que se debe aproveitar ese espazo para atallar o déficit de dotacións de tipo veciñal e sociocultural nunha contorna que non ten ningún centro cívico”, acrecentou o edil electo. 

O BNG descarta, pois, a opción de manter unha dupla estación de buses, como nalgún momento deslizou o actual rexedor, Abel Caballero, lembrando os problemas que xa está a xerar a “anomalía” de dispor na cidade de dúas estacións de tren que fican sen unha lanzadeira que as conecte. 

Casa de apostas na Florida

Por outra parte, o BNG faise eco da denuncia veciñal en relación ás obras para a instalación dunha nova casa de aposta na avenida da Florida, á altura do seu número 73. Unhas obras que carecerían de licencia municipal, polo que Igrexas demanda que o Goberno municipal exerza as súas competencias e proceda á súa paralización inmediata.