O Bloque pide ao Goberno municipal que rectifique e non suprima o curso de lutheria antiga da EMAO

Xabier P. Igrexas, mantivo un encontro con Norka Pérez, portavoz do alumnado da EMAO
Xabier P. Igrexas, mantivo un encontro con Norka Pérez, portavoz do alumnado da EMAO

 O candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, mantivo un encontro con Norka Pérez, portavoz do alumnado, a quen lle reiterou o seu apoio.

 

A fronte nacionalista urxiu o Goberno municipal a que “abandone a política de desmantelamento da Escola Municipal de Artes e Oficios e aposte decididamente por ampliar a súa oferta formativa”.

O Bloque pide ao Goberno municipal que rectifique e non suprima o curso de lutheria antiga da EMAO

VIGO, 13 de decembro de 2018 - Esta mañá o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais o responsábel local do Bloque, Serafín Otero, mantiveron unha xuntanza con Norka Pérez, portavoz do alumnado da Escola Municipal de Artes e Oficios que estes días ten iniciado unha campaña reivindicativa contra a supresión do curso de lutheria antiga na EMAO. No encontro, Pérez Igrexas, reiteroulle o total apoio do Bloque ás súas reivindicacións.

Igrexas volveu pedir ao Goberno municipal “que rectifique e non suprima o curso de lutheria antiga” da EMAO. Un curso “referencial a nivel galego e estatal e que ten contribuído de maneira moi importante á recuperación e posta en valor do noso patrimonio musical e instrumental”. Neste sentido, o candidato nacionalista denunciou que a amortización da praza de profesor asignada a este curso, que suporá na práctica a súa desaparición deixando sen oferta formativa a 30 persoas, pon en evidencia “a nula sensibilidade” do Goberno local en relación “ao noso acervo cultural e artístico”. Tal e como salientou Norka Pérez, na súa comparecencia posterior á xuntanza diante dos medios de comunicación, o curso de lutheria antiga que se pretende suprimir é “unha xoia única en todo o Estado e ten formado a grandes profesionais que fixeron parte de proxectos de grande relevo a nivel internacional”.

Fronte aos recortes que “paseniñamente pero de maneira teimuda está a despregar o Concello en contra da EMAO” a aposta da fronte nacionalista é precisamente a contraria. “En lugar de desmantelala por partes o que merece Vigo é alargar e consolidar a oferta formativa da Escola Municipal de Artes e Oficios, poñendo en valor unha institución que ten por obxectivo facer accesíbel unha formación de calidade ao conxunto das viguesas e dos vigueses”.