O BNG afea a oposición do PSOE de Caballero a actuar fronte á situación das infravivendas en Vigo

Xabier P. Igrexas (esq), Ana Martínez e Filipe Abalde, concelleiros do BNG no Pleno de Vigo
Xabier P. Igrexas (esq), Ana Martínez e Filipe Abalde, concelleiros do BNG no Pleno de Vigo

A fronte nacionalista lamenta o rexeitamento da súa moción ao Pleno que pedía cooperación da Xunta e do Concello para despregar con urxencia alternativas habitacionais dignas na cidade, entre outros acordos

Xabier P. Igrexas: “O tráxico incendio en Afonso X e o desaloxo de dous inmóbeis na rúa Fisterra deixaron en evidencia as deficiencias na atención da vulnerabilidade social”

O BNG afea a oposición do PSOE de Caballero a actuar fronte á situación das infravivendas en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego afea a oposición do PSOE de Abel Caballero a actuar fronte á situación das infravivendas en Vigo. A fronte nacionalista lamenta o rexeitamento da súa moción ao Pleno municipal que pedía cooperación da Xunta e do Concello para para despregar con urxencia alternativas habitacionais dignas e estábeis na cidade, entre outros acordos.

“O tráxico incendio no edificio de Afonso X e o desaloxo de dous inmóbeis na rúa Fisterra deixaron en evidencia as deficiencias na atención da vulnerabilidade social por parte da Xunta e do Concello”, valorou durante a sesión plenaria o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen lamentou que ambas administracións entraran nun “indecente” intercambio de acusacións para esquivar a súa responsabilidade nestas situacións.

Igrexas cuestionou a “inacción” dos Gobernos local e galego diante do grave problema de acceso social á vivenda en Vigo, e que amosaron nestes casos “con toda crueza” a existencia de vivendas sen as mínimas condicións de seguridade e habitabilidade. “Un feito que non era descoñecido para PSOE e PP”, lembrou. Unha situación que se está vendo agravada no actual contexto de crise, con subas dos prezos dos alugueiros por riba do 50% nos últimos anos, todo a pesar de existir máis de 20 mil vivendas desocupadas na cidade.

O portavoz nacionalista criticou tamén o “cinismo” do PP a respecto destas situacións, aproveitando unha situación dramática para estender o seu discurso “reaccionario” sobre a ocupación “cando o edificio inda estaba quente”. Rexeitou ademais a emenda formulada polo grupo popular que pretendía “branquexar” a inacción do Goberno galego neste caso.

Alternativas para as familias afectadas

A moción do BNG reclamaba cooperación do Concello e da Xunta, abandonando a confrontación partidista, para garantir unha alternativa habitacional estábel ás familias desaloxadas. Nese sentido, Igrexas volveu alertar de que, a partir do 3 de novembro, as persoas que hoxe están de forma provisional en hostais quedarán sen axuda municipal.

Dende a fronte nacionalista urxiron así a que o Concello poña en marcha unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social, mentres que reclamaron á Xunta que exerza as súas competencias en materia de vivenda pública e na atención das situacións de vulnerabilidade e exclusión social.

Bombeiros e cese da concelleira de Seguridade

Outro dos aspectos abordados na moción nacionalista pasa pola esixencia de dotar ao servizo de bombeiros do persoal necesario para garantir a seguridade. “O que nos volveu demostrar o tráxico incendio de Afonso X é que Vigo sen bombeiros non é segura”, proclamou o portavoz municipal, que subliñou que no caso de ter ocorrido outra emerxencia ao mesmo tempo, os bombeiros non terían capacidade operativa para enfrontala.

Igrexas volveu criticar con dureza que a concelleira-delegada de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, de quen solicitouse o seu cese por mentir “deliberada e escandalosamente á cidade e lle faltase o respeito ás viguesas e vigueses en xeral, e ás vítimas e as súas familias en particular, o propio día do incendio”, cando asegurou descoñecer o número de efectivos operativos nesa xornada e ao tentar negar as “rotundas verdades” expresadas polos bombeiros sobre o operativo. 

O BNG afea a oposición do PSOE de Caballero a actuar fronte á situación das infravivendas en Vigo