O BNG de Vigo celebra os compromisos logrados en favor da cidade no acordo de investidura

bng politica social 02
  • Xabier P. Igrexas: “O BNG xa logrou en apenas unha semanas que Vigo e Galiza estean presentes na axenda política estatal”.
  • A fronte nacionalista exercerá o seu voto determinante para garantir que “eses compromisos se fagan realidade” e condicionar as políticas do estado en favor da cidade e do País.
O BNG de Vigo celebra os compromisos logrados en favor da cidade no acordo de investidura

VIGO, 4 de xaneiro de 2020.- O BNG de Vigo quixo valorar tamén en clave local o acordo de investidura asinado entre a formación nacionalista e o PSOE. “O BNG xa logrou en apenas unhas semanas que Vigo e que Galiza estean presentes na axenda política estatal”, resumiu o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas. 

Igrexas salientou que “un só deputado do BNG no Congreso, o compañeiro Néstor Rego,  xa logrou máis compromisos con Galiza que as forzas estatais nos últimos anos”. Neste sentido, asegurou que o acordo logra “situar Galiza no mapa” e garantirá para o noso País o mesmo status que Catalunya e Euskadi desenvolvendo o seu autogoberno. Unha realidade que contrapuxo á “década nefasta” da Xunta de Feixóo na que non se logrou ningunha nova competencia. Aliás, o edil puxo en valor que o acordo atinxido incorpora tamén unha importante axenda social garantindo a derrogación da reforma labora, da negociación colectiva, das pensións, da LOMCE ou da lei Mordaza.

Un bo acordo para Vigo

acordoValorando os aspectos directamente referidos á Vigo, desde o BNG afirman que “é un acordo moi positivo para Vigo, porque nel se atenden cuestións moi importantes para a cidade”. No concreto, Igrexas destacou a transferencia da AP9 para convertela nunha autoestrada galega, a rebaixa nas peaxes a fin de novas subas como a aplicada a inicios deste ano, así como a bonificación do 100% a quen viaxe con ida e volta no mesmo día ou a supresión da peaxe con Redondela. Medidas que supoñen “o inicio da fin da estafa e do atraco diario que padecemos cada vez que circulamos pola AP9”. 

No ámbito infraestrutural recóllense tamén importantes compromisos, como a modernización ferroviaria na conexión entre Vigo e Portugal, que para Igrexas é “estratéxica para o desenvolvemento da cidade, da súa área metropolitana e da euro-rexión Galiza-Norte de Portugal”. Neste mesmo capítulo, o portavoz municipal nacionalista subliñou que a posición determinante do Bloque en Madrid logrou que o novo Goberno español se comprometa a serio a facer do Corredor Atlántico unha realidade, elaborando os proxectos que permitan acudir canto antes ao financiamento europeo. 

nestorDiante da situación de “desertización produtiva” e de “grave crise industrial” que padece Vigo e a súa bisbarra, cun desemprego que atinxe a máis de 24 mil viguesas e vigueses, Igrexas saudou que no acordo de investidura se recolla expresamente que o Estado vaia poñer todos os medios e instrumentos económicos e financeiros para apoiar o tecido produtivo. Especialmente positivo é que o novo Goberno central se comprometa a recuperar e dar continuidade á actividade e o emprego no sector naval e, concretamente, nos estaleiros Barreras e Vulcano. 

Un maior investimento estatal para completar o saneamento integral da ría ou a vontade de avanzar cara a unha tarifa eléctrica rebaixada, son outros dos aspectos do acordo que beneficiarán de maneira directa a nosa cidade. 

Posición determinante

facervalerDesde a fronte nacionalista lembran que todos estes compromisos foron conquistados unicamente a cambio do voto afirmativo na sesión de investidura, polo que o voto do BNG no Congreso seguirá a ser decisivo e determinante na tramitación dos proxectos de orzamentos ou de reformas lexislativas, o que garantirá que os intereses de Vigo e de Galiza sexan respeitados e atendidos.  

Neste sentido, Igrexas quixo poñer en valor o acordo de investidura como un exemplo da “enorme potencialidade que ten apostarmos en forzas propias que non teñen dependencias e que só están sometidas aos intereses do pobo galego”. “Dixemos que a presenza do BNG no Congreso ía servir para facer valer Galiza, e xa o estamos facendo”, concluíu. 

O BNG de Vigo celebra os compromisos logrados en favor da cidade no acordo de investidura