O BNG cualifica de “inaceptábeis para Vigo e novo agravio contra Galiza” a proposta de Orzamentos do Estado

[Imaxe: FEMP]
[Imaxe: FEMP]

“Coas contas de Pedro Sánchez o AVE directo coa mesesta chegará á nosa cidade como moi cedo no 2030 e volve atrasarse até o infinito a conexión entre Vigo e Porto”, denuncia o candidato nacionalista á alcaldía, Xabier P. Igrexas.  

O PSOE recorta un 20% do investimento para Galiza “o que demostra que o noso Pais está ausente na axenda política do estado”.

O BNG cualifica de “inaceptábeis para Vigo e novo agravio contra Galiza” a proposta de Orzamentos do Estado

Para o BNG a proposta de Orzamentos Xerais do Estado para o presente exercicio 2019 son “inaceptábeis para Vigo e un novo agravio contra Galiza”. Así o valorou o candidato do Bloque á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen criticou que “continúan a postergar infraestruturas que son clave para o futuro da nosa cidade e da vertebración da zona sur de Galiza”. Neste sentido, Igrexas apuntou que “vemos como, coas contas de Pedro Sánchez, a conexión directa por alta velocidade entre Vigo e a meseta non será realidade como moi cedo antes de 2030, é dicir, 15 anos despois da última promesa do Ministerio de Fomento e Núñez Feixóo naquel pacto bochornoso no Obradoiro”. Engade ademais que con apenas un millón de euro consignados o executivo de Pedro Sánchez non ten ningunha intención de promover a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto, a saída sur, como enlace estratéxico para a nosa cidade que aspira a ser motor da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, un esforzo que si está a facer o goberno portugués.o goberno 

O candidato nacionalista criticou tamén que o actual goberno do estado español se negue a bordar a necesidade urxente das obras de prolongación da A52, unha estrada que necesita por motivos de seguranza “unha intervención inmediata e que lamentablemente vai quedar unha vez máis no papel”. A isto habería que sumar o investimento cero nestes orzamentos para a recuperación do litoral, o investimento cero en políticas específicas para o abaratamento da vivenda, “cando é unha das principais preocupacións sociais”, e o investimento cero tamén en materia de promoción da actividade industrial “cando vimos de acudir á destrución de máis de 7.000 postos de traballo nos últimos anos na nosa cidade”, remachou.

Galiza ausente  

Para Pérez Igrexas as contas que se veñen de presentar no Congreso por parte do actual goberno socialista desatenden as principais necesidades de Vigo e supoñen un “novo agravio contra Galiza”. “Volven insistir nun plantexamento propagandista e altamente electoralista e poñen de manifesto a política de abandono á que someten continuamente a Galiza”, di o candidato. “Para nós é intolerábel que se reduza nun 20% o investimento do estado no noso País, restando 2 de cada 10 euros nun investimentos que xa era abertamente insuficientes”, engade. 

Estas contas demostran, para a fronte nacionalista que “Galiza está ausente na axenda estatal porque os problemas e necesidades deste país non son tidos en conta por parte do actual goberno socialista”. Situación que contrastan co momento no que a presenza do BNG no Congreso dos Deputados exercía de “voz firme en defensa dos intereses do noso País”. “Facendo valer a nosa opinión e o noso voto determinante, conseguimos daquela que aumentase o investimento substancial para Galiza cando agora acudimos precisamente ao contrario”, valora. Emporiso, ademais de denunciar a “responsabilidade directa” do PSOE entende que os seus socios parlamentares, entre os que inclúe á “confluencia galega de Podemos”, deben reflexionar e corrixir unhas contas que volven ignorar deliberadamente a Galiza.