O BNG defende en Vigo o “cambio galego” para garantir o dereito a un traballo digno e un futuro produtivo

Encontro sindical BNG Vigo
Carmela González no encontro con delegadas e delegados da CIG en Vigo

A fronte nacionalista aposta por blindar sectores estratéxicos como a automoción ou o naval, enfrontar a crecente precariedade laboral e crear oportunidades para poñer fin á masiva emigración xuvenil

Carmela González:  “Fronte a un PP que nos obriga a escoller entre desemprego, precariedade ou emigración, unha Xunta liderada polo BNG actuará con toda a determinación para garantir emprego estábel, con dereitos e salarios dignos”

O BNG defende en Vigo o “cambio galego” para garantir o dereito a un traballo digno e un futuro produtivo

O Bloque Nacionalista Galego chamou este xoves a facer realidade o “cambio galego” o vindeiro 18 de febreiro para garantir o dereito a un traballo digno e a un futuro produtivo de Vigo e a súa comarca. Así o defendeu a candidata ao Parlamento galego, a viguesa Carmela González, no marco dun encontro con delegadas e delegados sindicais da CIG.

González situou as eleccións galegas do 18F como unha grande oportunidade. “Temos a posibilidade real de deixar atrás as nefastas políticas coas que a Xunta do Partido Popular fixo avanzar a desertización produtiva da nosa comarca e que nos deixan con 7.400 empregos menos na cidade de Vigo dos que había en 2009”, proclamou.

Nese sentido, a candidata nacionalista comprometeu que “un Goberno galego presidido por Ana Pontón terá como prioridade garantir o dereito irrenunciábel a poder vivir dignamente dun traballo na nosa terra, poñendo fin á expulsión da nosa mocidade á emigración e revertendo as políticas que afondaron na precariedade laboral e no empobrecemento dos salarios”.

“Fronte a un PP que nos obriga a escoller entre desemprego, precariedade ou emigración, unha Xunta liderada polo BNG actuará con toda a determinación para garantir emprego estábel, con dereitos e salarios dignos”, sintetizou.

Vigo, potente pulmón industrial de Galiza

González explicou as principais liñas de actuación e propostas concretas coas que desde o BNG na Xunta blindarán o futuro produtivo de Vigo para que volva ser o “potente pulmón industrial de Galiza”. Políticas que se despregarán desde unha “intensa e enérxica iniciativa pública fronte a unha Xunta do PP que estivo 15 anos de brazos caídos mentres se destruía emprego e actividades estratéxicas esmorecían”.

Entre as medidas citou o impulso dunha Corporación Industrial Pública Galega, desde a que blindar o futuro de sectores “chave e irrenunciábeis” como o naval ou a automoción; a posta en marcha do Centro de Reparacións Navais da Ría de Vigo; a creación dun Centro Metropolitano de Impulso Tecnolóxico para desenvolver e aproveitar as enormes potencialidades de Vigo no ámbito da innovación e tamén a execución dunha ampla batería de medidas en contra da deslocalización produtiva.

Fronte á crecente precarización das condicións laborais, a candidata apostou por desenvolver un  Marco Galego de Relacións Laborais que pule por convenios colectivos de ámbito galego e que achegue a negociación ao mundo do traballo no noso País. Demandar as competencias en materia de inspección laboral e intensificar a súa acción fronte aos abusos patronais, poñer en marcha un Plan galego contra a sinistralidade laboral e potenciar as políticas activas de emprego, foron outras das medidas concretas que apuntou.

Acabar coa discriminación laboral por xénero e coa fenda salarial será outro dos grandes eixos dun novo Goberno galego, con políticas “efectivas e non só declarativas” a favor da plena igualdade, a conciliación e o fomento da corresponsabilidade no eido laboral.

“Galiza precisa dun Goberno galego que deixe de virarlle as costas a esa amplísima maioría social que representan as clases populares e traballadoras, dunha Xunta de Galiza que deixe de estar entregada ao servizo dos intereses do empresariado amigo do Partido Popular e que aposte na xustiza social”, remachou González.

O BNG defende en Vigo o “cambio galego” para garantir o dereito a un traballo digno e un futuro produtivo