O BNG defende que Vigo asuma o seu papel como maior cidade de Galiza converténdose no "motor de todo un País"

O candidato do BNG, Xabier P. Igrexas, no almorzo-coloquio organizado polo Círculo de Empresarios de Galiza
O candidato do BNG, Xabier P. Igrexas, no almorzo-coloquio organizado polo Círculo de Empresarios de Galiza

O candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo trasladou as principais propostas do proxecto “aberto e positivo” do Bloque nun almorzo-coloquio organizado polo Círculo de Empresarios de Galiza

Chama a poñer fin á “incalculábel débeda histórica” da Xunta e do Goberno español coa cidade, en cuestións estratéxicas como a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto

Xabier P. Igrexas: “Temos que desenvolver as enormes potencialidades da cidade, blindando o futuro de actividades industriais estratéxicas e avanzando como cidade universitaria para nos converter na capital galega do futuro”

O BNG defende que Vigo asuma o seu papel como maior cidade de Galiza converténdose no "motor de todo un País"

O Bloque Nacionalista Galego defende que Vigo qasuma o seu papel como maior cidade de Galiza converténdose no “motor de todo un País”. Baixo este título, o candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, vén de avanzar as principais propostas e liñas estratéxicas do proxecto “aberto e positivo” do Bloque nun almorzo-coloquio organizado este xoves polo Círculo de Empresarios de Galiza.

“Fronte á permanente lea partidista permanente que empequenece a cidade, o BNG acreditamos en que Vigo pode ser un verdadeiro motor de mudanza e de transformación para o conxunto de Galiza”, apostou o portavoz nacionalista na cidade durante o encontro co empresariado vigués, a quen lles trasladou tamén o compromiso do Bloque para facer que a cidade volva ser o pulmón industrial e produtivo galego.

Igrexas chamou a rematar coa “incalculábel débeda” coa cidade por parte da Xunta do PP e do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos

“Esixindo con firmeza, pero tamén con vontade de diálogo, a fin da discriminación que padece Vigo”, valorou o cabeza de lista do BNG, que demandou desbloquear con urxencia investimentos chave para a cidade, destacadamente no ámbito das infraestruturas.

“Esta débeda histórica faise notar especialmente en cuestións estratéxicas para o presente e o futuro de Vigo como é a conexión de alta velocidade con Porto, esa Saída Sur á que o actual Goberno español só quixo dedicar nos orzamentos deste 2023 unha partida de apenas 30 mil euros”, reprochou. Nesa liña, defendeu que Vigo se convirta nun grande polo de desenvolvemento da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

Vigo, motor industrial e produtivo

O candidato do BNG apostou tamén por políticas que promovan a reactivación económica e produtiva que permitan crear emprego digno e con dereitos. “Temos que blindar o futuro de actividades fundamentais como a automoción, a construción e reparación naval, así como a pesca e a actividade portuaria sustentábel”, dixo Igrexas, que propuxo tamén desenvolver as “enormes potencialidades que temos como cidade universitaria para converter Vigo na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións”.

“O futuro da cidade non pasa nin polo monocultivo de luces de nadal nin polo monocultivo do Xacobeo”, considerou o cabeza de lista nacionalista

Nese sentido, alertou sobre “preocupante” escenario laboral na cidade, con máis de 18 mil persoas desempregadas na cidade, con 4.200 postos de traballo menos dos existentes antes da pandemia e 11 mil menos dos que había en 2009, dos que 7 de cada 10 foron destruídos nas actividades industriais.

Liderar a realidade metropolitana

Igrexas reclamou ademais un cambio de paradigma para que Vigo lidere desde a “cooperación e tecendo sinerxías” a súa realidade metropolitana, fronte a quen insiste en “amurallar a cidade para enfrontarse con todos por todo”. Así, lamentou o “importante atranco” que supón a falla dunha Área Metropolitana para mellorar a prestación de servizos á cidadanía, e tamén para un mellor aproveitamento das oportunidades de inserción no Eixo Atlántico

“O desenvolvemento metropolitano da área de Vigo non se pode entender en chave de confrontación, nin territorial, nin partidista”, aclarou o candidato do BNG, que pediu poñer en marcha unha Área Metropolitana funcional, operativa e con competencias claras. “A realidade metropolitana viguesa vai  moi por diante das políticas públicas desenvolvidas para darlles resposta aos retos e necesidades”, remachou.

O BNG defende que Vigo asuma o seu papel como maior cidade de Galiza converténdose no "motor de todo un País"